Custodia policial para axudar a trasladar ao hospital un bebé inconsciente cunha reacción alérxica
Por Redacción
A Policía Local de Poio realizou nas últimas horas dous servizos humanitarios nos que asistiu a unha muller de 86 e un bebé e facilitou que recibisen a atención sanitaria que necesitaban.
No caso do bebé, de apenas uns meses de vida, o pai chamou á Policía Local de Poio solicitando colaboración dunha patrulla porque ía desde Combarro cara a Pontevedra co seu fillo no coche inconsciente.
Os axentes localizaron o vehículo na avenida Andurique e abríronlle camiño con luces e sirenas. Acompañárono ata o Hospital Provincial de Pontevedra.
A Policía Local chamou posteriormente ao pai do menor para coñecer a súa evolución e souberon que o neno é alérxico a algún tipo de alimento e os médicos puidérano reanimar. Estaba xa recuperándose.
No outro servizo, foi un particular o que chamou á Policía Local informando de que escoitaba berros de auxilio procedentes da vivenda da súa veciña de idade avanzada. A muller vive soa nun edificio de Combarro e os veciños non tiñan chaves para acceder á vivenda.
Os policías chamaron ao timbre e gritaron para preguntar á veciña que lle pasaba, pero o único que escoitaron foron berros de auxilio de voz dunha muller, sen facilitar máis información. Dado que a porta de entrada estaba totalmente pechada, e que descoñecían o estado da muller, os policías decidiron acceder por unha xanela.
Un axente accedeu á vivenda por unha xanela con axuda dun compañeiro e do veciño que avisara. Unha vez dentro, localizou á veciña ferida nunha esquina da cociña. Estaba sentada e consciente e afectándose de dor na zona da cadeira.
A muller, de 86 anos, explicoulles que se dispoñía a saír á rúa e, ao presentar problemas de visión, non se decatou de que no chan da cociña había dúas bolsas con legumes. Tropezou e caeu ao chan.
Os axentes chamaron a unha ambulancia do 061 que a trasladou ao Hospital Montecelo e alertou ás sobriñas que adoitan encargarse do seu coidado.
Posteriormente, interesáronse por estado da muller vía telefónica e souberon que estaba ingresada cunha cadeira rota.