Mónica Guillán e María Viqueira, triunfadoras do certame de novos deseñadores de PONMO
Mónica Guillán e María Viqueira foron as gañadoras do certame de deseñadores noveis Mara Martín PONMONOVO, celebrado este venres no Recinto Ferial no marco da segunda xornada da pasarela PONMO. Ambas seduciron ao xurado do concurso cunhas propostas arriscadas e innovadoras. Foron as elixidas entre os doce deseñadores seleccionados para participar na primeira edición deste certame.
O premio á mellor microcolección, valorado en 900 euros, foi para Mónica Guillán, unha deseñadora nada en Cambados hai 27 anos. Presentou a concurso a súa última colección "All the queen's men" que nos levaba ata 1813 onde a maquinaria párase e permítenos tomar contacto cos seus amplos volumes e riqueza. A colección toma aspectos da inocencia de Isabel II, raíña de España, e a reinterpreta adaptándoa ata o século XVI.
Pola súa banda, o mellor estilismo do certamen foi, segundo o xurado, o que propuxo María Viqueira. Nada en Ordes (A Coruña) en 1988, é unha nova deseñadora que estivo vinculada ao mundo do téxtil desde que era unha nena pequena. Recibiu numerosos premios en certames e concursos de deseño, pero este recoñecemento chégalle por "La Provence", unha colección fresca, chea de cor e moi traballada a base de texidos naturais como a rafia ou o lino bordados a man e combinados con coloridas sedas. O seu premio está valorado en 200 euros.
Os outros dez deseñadores, que enamoraron ao público asistente a este segundo desfile de PONMO, foron Clara Beltrán, ÿscar González, Irene Varela, Leyre Valente, Alberto Neves, Verónica Ouro, ÿrase que se era, Sandra Fonte, Alejandra Lorenzo e Charry Lamprea.
Mentres deliberaba o xurado, no que se atopaba Carla Royo-Villanova, princesa de Bulgaria, ofrecéronse dous desfiles adicionais a cargo de dúas firmas: "Nicanora", unha marca galega que crea tiradas limitadas e continuas de pezas, rescatando teas descatalogadas e botóns antigos en mercadiños, sempre con técnicas e cortes sinxelos; e "Krack", que mostrou os últimos deseños en zapatos desenvolvidos pola marca afincada en Pontevedra en colaboración con Tania Pardo.
Foi un bo peche para a segunda xornada de PONMO, que non iniciaba con bo pé. A choiva obrigaba a suspender o desfile previsto por establecementos de moda e complementos da rúa Rosalía de Castro. Mellor foron as cousas no showroom do evento, que abría as súas portas este venres por primeira vez. Numerosos curiosos achegáronse a ver as propostas da trintena de firmas españolas e galegas que participan nesta iniciativa.
O SABADO, ULTIMA XORNADA DE PONMO
O último gran desfile de PONMO será o sábado ás 21.30 horas no Recinto Ferial. Estará a cargo de cinco marcas galegas recoñecidas: Baena, Dioxide, Hipotenusa, Gonzalo Vázquez (GV) e Alalá Alta Costura, que presentarán as súas novas coleccións. No seu marco celebrarase tamén unha homenaxe a Gene Cabaleiro, un dos principais deseñadores galegos, e que apadriña esta primeira edición de PONMO. Presentará algunhas das súas pezas máis coñecidas complementadas con roupa de Confecciones Story e zapatos de Krack.
Outro dos grandes atractivos será o ciclo de conferencias que se organiza no marco de PONMO. A elas acudirá Carmen Lomana, unha das invitadas estelares deste evento. Especialista en moda e icono da elegancia, asistirá ao desfile de presentación da nova colección de Alalá e ofrecerá unha charla sobre moda e glamour ás 18.45 horas no Recinto Ferial. Ademais asinará exemplares do seu novo libro O glamour intelixente.
Relacionadas:
-
Rosalía de Castro 'vístese á moda' co desfile PONMO na Rúa
Por Redacción |
-
PONMO despídese cun desfile de Baena, Dioxide, Hipotenusa, Gonzalo Vázquez e Alalá Alta Costura
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
O talento de cinco ex alumnos de Esdemga deslumbra na inauguración de PONMO
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Carmen Lomana aportará o seu 'glamour' a PONMO: acudirá o desfile do sábado
Por Redacción |
-
Todo a punto para o inicio de PONMO: consulta toda a programación do evento
Por Alejandro Espiño |