A Xunta di que as filtracións do Colexio de Barcelos son responsabilidade do Concello
Por Redacción
O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, José Manuel Pinal, comprobou este venres os traballos de mellora realizados no CEIP Barcelos de Pontevedra, que supuxeron un investimento de arredor de 10.000 euros. Nesta visita, o director xeral estivo acompañado do xefe territorial de Cultura e Educación en Pontevedra, César Pérez Ares e do director do centro.
Os traballos consistirón na mellora do acceso exterior do edificio que permiten a utilización dese espazo como patio e a transformación da biblioteca.
Pinal animou á comunidade educativa deste colexio pontevedrés a continuar co seu labor de cara ao curso que acaba de comentar, destacando o excelente traballo que se está a desenvolver, que xunto a posta en marcha do proxecto ABALAR, "permiten destacar o bo traballo que se está a levar a cabo neste colexio en pro da calidade educativa".
Finalmente, dende o CEIP Barcelos transmitiron ao xefe territorial de Cultura e Educación a súa preocupación polas filtracións que padece o pavillón onde realizan as actividades deportivas, e aseguraron que as filtracións proceden das canalizacións que se atopan saturadas. "Este é un problema que ten que resolver o concello de Pontevedra, xa que se trata dun labor de mantemento que é responsabilidade municipal", matizou Cesar Perez Ares.