Un apoio 'real' para PONMO: Carla Royo-Villanova, princesa de Bulgaria, participará no certame
Por Redacción
Carla Royo-Villanova confirmou a súa asistencia aos desfiles que terán lugar a próxima semana dentro da programación de PONMO (Pontevedra Moda).
A Princesa de Bulgaria participará como membro do xurado do Certame Mara Martín PONMONOVO que se celebrará no Recinto Feiral o venres 27 de setembro a partir das 21.30 horas e onde doce novos deseñadores presentarán as súas propostas nun formato concurso. Estará acompañada no xurado por representantes do mundo da moda, empresa e política.
PONMO nace co patrocinio da Concellería de Promoción Económica, Emprego e Turismo do Concello de Pontevedra. A súa responsable, Carlota Román, destaca que con esta iniciativa busca o obxectivo de continuar referenciando a Pontevedra nun sector estratéxico para toda a provincia e, ao tempo, reforzar a programación feiral e congresual da cidade.
Asiste da man ALALÁ Alta Costura, unha de marcas que se subirán á pasarela PONMO o sábado pola noite e que colaborou decididamente coa organización do evento para proporcionar un "front row" (primeira fila) de primeiro nivel a esta nova iniciativa de moda en Galicia. Esta firma presentará a súa colección "El Jardín de Carla" da que é imaxe a princesa.
Moi relacionada co mundo da moda e a comunicación, Carla Royo-Villanova colabora con numerosos medios de comunicación especializados e foi responsable de comunicación de marcas tan emblemáticas da moda española como Pedro del Hierro. Na actualidade preside e dirixe a empresa de cosmética natural Carla Bulgaria Roses Beauty.
Nestes días estase a pechar a asistencia de personalidades relacionadas coa prensa especializada a nivel nacional así como profesionais do sector da moda.
INVITACIÿN PARA ASISTIR AOS DESFILES
A próxima semana poñeranse a disposición do público na Casa da Luz as invitacións para asistir aos desfiles.
Relacionadas:
-
O talento de cinco ex alumnos de Esdemga deslumbra na inauguración de PONMO
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Carmen Lomana aportará o seu 'glamour' a PONMO: acudirá o desfile do sábado
Por Redacción |
-
Todo a punto para o inicio de PONMO: consulta toda a programación do evento
Por Alejandro Espiño |
-
As novas tendencias da moda galega, en Pontevedra: 20 deseñadores e cinco empresas estarán en PONMO
Por Alejandro Espiño |
-
PONMO busca modelos de pasarela. Apúntaste ao casting?
Por Redacción |
-
Desaparecida Pontus Veteris, chega a pasarela PONMO
Por Oskar Viéitez |