33 entidades sociais da provincia reciben 835.000 euros da Xunta
Por Redacción
A Consellería de Traballo e Benestar destinará máis de 835.000 euros para apoiar a 33 entidades que traballan no eido da inclusión na provincia de Pontevedra, no marco da renovada orde de inclusión do departamento autonómico.
Así o anunciou este xoves a conselleira Beatriz Mato, que visitou a sede da Fundación Amigos de Galicia, en Vilagarcía de Arousa. A titular de Benestar lembrou que este ano unificáronse tres ordes que existían anteriormente (de comedores e albergues, de programas de inclusión para entidades e de programas dirixidos ás persoas inmigrantes) nunha soa soa "co obxectivo de facilitar o proceso para as entidades e gañar eficiencia".
Outro cambio fundamental é a introdución do requisito que establece que as contías das axudas deberán estar vinculadas directamente coa cantidade de persoas que atende cada entidade. De feito, segundo explicou Mato, é por este criterio polo que se ditaminou un aumento da axuda en numerosas organizacións.
AMIGOS DE GALICIA
En canto á Fundación Amigos de Galicia, a entidade vai recibir 90.000 euros en 2013, un 73% máis que en 2012. Neste sentido, a responsable de Benestar lembrou que as liñas de colaboración entre a Fundación e a Consellería desde 2009 superan os 680.000 euros porque, ademais da orde de inclusión, tamén se inclúen plans de cooperación, formación ou actividades de voluntariado.