Os alumnos de Restauración estudan denunciar á Xunta ante a Xustiza
Por Anxo Lourido
Un grupo de alumnos da Escola de Conservación e Restauración presentou un escrito na delegación de Educación da Xunta reclamando a apertura de diálogo entre o conselleiro de Educación e os representantes do Consello Escolar do centro. Estes estudantes, así como a dirección e profesorado, reclaman que a Xunta permita que a Escola poida integrarse na Universidade de Vigo. Tres promocións de Restauración comezaron uns estudos regulados pola Xunta establecidos como grao pero unha sentenza limita eses estudos a entidades universitarias e a Escola non ten esa categoría neste momento. Por este motivo, os afectados reclaman a Consellería de Educación que promova esa integración na Universidade.
Durante este mediodía os alumnos reúnense co xefe territorial de Educación, César Pérez, que a primeiras horas se encontraba en Vigo. Os alumnos queren expoñelo a necesidade de que interveña canto antes o conselleiro Xesús Vázquez para que os estudos que están a realizar teñan validez.
Diego Iglesias, membro do Conselo Escolar, anunciaba ás portas do edificio da Xunta en Campolongo que "estamos estudando accións legais porque é unha fraude. ÿ como que contrates unha cousa e te ofrezan outra completamente diferente. Fixeron adaptar o que era a diplomatura a grao e non están a dar ás condicións para que se implante o que eles mesmo nos obrigaron a organizar". Aínda están a tratar o tema con asesores xurídicos e descoñecen se presentarán demandas individuais ou unha colectiva.
Estes estudantes consideran que existe unha clara desidia política evitando resolver o problema. Por este motivo alertan de que os máis de 80 alumnos do centro iniciarán no mes de outubro actos reivindicativos. A finais deste mes reunirase o Conselo Escolar no que se decidirá se a actual dirección do centro dimite se non se produce unha reunión satisfactoria co conselleiro de Educación.
Os alumnos denuncian que están a sufrir unha situación de danos e prexuízos pola indefinición dos seus estudos causándolles numerosos problemas persoais tanto a eles coma aos profesores. Ademais, indican que levan á espera de que a Xunta incorpore tres novos profesores ao centro.