A Escola de Deseño e Moda de Pontevedra conquista Madrid
Por Redacción
Co obxecto de amosar que é posible romper con certos estereotipos propios dun mundo globalizado, Lola Dopico presenta, este xoves 19 de setembro, no Museo Nacional de Artes Decorativas de Madrid unha exposición na que participan 17 deseñadores, artistas e artesáns galegos.
Os seus traballos botan man de técnicas e oficios ancestrais como poden ser a cestaría ou a alfarería, "buscando solidez e claridade a través dunha linguaxe que pretende ser propia e diferenciadora", explica a coordinadora da mostra e tamén directora de Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia, Esdemga.
A colaboración entre o Museo Nacional de Artes Decorativas e a Universidade de Vigo fixo posible que finalmente unha escolma da produción destes artistas e deseñadores se expoña en Madrid baixo o título Hacer Diseñar Pensar. Piezas, experimentos y caminos del diseño e coa sinatura de Lola Dopico.
Para a directora de Esdemga esta mostra "é unha reflexión heteroxénea sobre as estratexias de relación do deseño de obxectos que, ata o de agora, se atopaba a medio camiño entre o propio deseño, a arte e a artesanía.
A maiores, para a coordinadora da exposición, esta é unha oportunidade única para dar a coñecer os traballos tanto do profesorado coma do ex alumnado do centro de Esdemga.
Sara Coleman, José Castro, David del Río, Manuel Bolaño, D-Due, Xabier Lorenzo, Silvia García, Fernando Suárez, Saray Fernández, Isabel Mastache, Eva Soto, Mercedes García, Esther Lebrato, Silvia Moure, Jessica García, Silvereira e EFerro son os nomes dos 17 deseñadores de moda, artistas e artesáns que participan neste innovador proxecto expositivo que se poderá visitar na cuarta planta do Museo Nacional de Artes Decorativas de Madrid ata o vindeiro día 5 de xaneiro de 2014.
MADRID FASHION WEEK
Un ano máis o alumnado egresado de Esdemga participa na última edición da pasarela EGO ao abeiro da Mercedes-Benz Fashion Week de Madrid.
Nesta ocasión foron as deseñadoras Eva Soto e Andrea de la Roche as encargadas de amosarlle ao público as súas coleccións. Nesta plataforma para os novos talentos da moda De la Roche presentou uns deseños inspirados na zooloxía e Souto pechou o desfile cos seus vestidos de alta costura.
Ambas as dúas deseñadoras colleitaron numerosos éxitos nesta xornada pero, destaca a acollida que tivo a colección de Eva Soto quen sorprendeu aos asistentes.
Relacionadas:
-
RADIO.- Os brazos de Alaska levan a súa creatividade na pel
Por Marisa Ciordia |
-
Arranca o curso máis fashion do Campus
Por Oskar Viéitez |
-
PONMO mostrará a moda de deseñadores recoñecidos e incluirá un premio aos novos valores
Por Natalia Puga |
-
Debut 2012. Un espectáculo visual
Por Alejandro Espiño |
-
O deseñador de Ava Gardner, xurado en Debut 2012
Por Redacción |