O acusado nega ter raptado e agredido sexualmente a unha moza en Beluso
Por Oskar Viéitez
"Séntome unha vítima para por culpa desta señorita por dicir cousas que non son verdade. Levo tres anos sufrindo isto", dixo este martes ante o tribunal Manuel A.L. un veciño de Bueu acusado de detención ilegal e agresión sexual a unha muller nunha caravana estacionada en Beluso.
O acusado recoñeceu que houbo unha relación sexual pero sostivo que esta foi consentida e rexeitou que tivese retido contra a súa vontade á moza. Pola súa banda, Nadia, a presunta vítima, reiterou ante o tribunal que o acusado "intentou abusar de min" e que "quixo asfixiarme para que non berrase".
O primeiro en declarar na sección segunda da Audiencia provincial de Pontevedra foi o acusado. Segundo o seu relato dos feitos, aquela noite do día 17 de novembro de 2010, coñeceu a Nadia B.Q.A. nunha cafetaría de Vigo, onde tomaron varias copas e "estivemos bicándonos".
Logo ela subiu ao seu coche e foron a outro bar, onde segundo Manuel "me preguntou por que non iamos a un hotel, que estaba quente". Ao que el lle tería contestado que non tiña diñeiro pero que dispoñía dunha roulotte estacionada en Beluso polo que subiron de novo ao coche para acudir ata a localidade de Bueu, segundo a versión do acusado.
Manuel afirmou que mesmo foron parados pola Garda Civil nun control montado no Corredor do Morrazo.
O Fiscal elevou a definitivas as súas conclusións ao entender acreditados os feitos
Unha vez na caravana o acusado explicou que ela lle pediu o móbil "para avisar o seu irmán que non ía durmir na casa". O acusado insistiu en que "ela se me puxo tres veces enriba e me preguntou que pasaba, porque eu non tiña unha erección", polo que, segundo el, só houbo "toqueteos", tras o cal quedou durmido. Despois dunhas horas o acusado dixo que a muller lle pediu que a levase á casa, o que el fixo "mesmo me deu un bico antes de baixar á súa casa. Foi a última vez que a vín".
Pola contra Nadia, que compareceu ante o tribunal protexida tras un biombo, explicou que acudiu ao bar onde coincidiu co acusado. Alí tomou tres ou catro cervexas. "Estaba un pouco mal" e subiu ao coche de Manuel tras confundilo cun veciño. Xuntos acudiron ata outro bar onde segundo ela nada se falou "nin de hotel, nin de manter relacións" engadindo que "en ningún momento o biquei".
Pensando que a levaba ata a súa casa "porque chovía a cántaros", Nadia montouse de novo no coche de Manuel "me dín conta de que estaba no Corredor do Morrazo cando vin un cartel" pero dixo non recordar ningún control da Garda Civil. Ao chegar á caravana estacionada en Beluso a moza asegura que "estaba todo escuro. Intentei escapar pero tropezaba coas cousas. El agárroume polo colo. Intentou penetrarme en moitas ocasións pero non puido. Só cos dedos".
Co móbil que lle prestou o acusado enviou unha vintena de mensaxes á súa familia e amigos "pedindo socorro que me queren violar". Mesmo puido chamar ao seu pai "estaba el diante polo que falei con tranquilidade porque el me ameazou con que me ía matar".
Foi o seu pai o que avisou a Policía que puido tomar testemuño á moza cando chegou á súa casa ás sete da mañá.
A avogada da defensa pediu a libre absolución para o acusado
Segundo declarou a axente da Policía Nacional que falou con Nadia, a moza neses momentos "choraba, estaba algo nerviosa e apenas recordaba os feitos"
Segundo a médica forense do Hospital Xeral de Vigo que avaliou a muller non o apreciou "ansiedade, nin síntomas de intoxicación aguda nin abstinencia," ademais indicou no seu informe que "o relato dos feitos era confuso". E detalla que, aínda que era consumidora habitual de pastillas para combater a ansiedade, as analíticas deron negativo "o que significa que ata dúas semanas antes dos feitos non queda acreditado que tería consumido medicación" como reflexa o informe do Instituto Nacional de Toxicoloxía.
Por todo iso o Fiscal elevou a definitivas as súas conclusións ao entender acreditados os feitos, polo que pide para o acusado a pena de trece anos de prisión. Nove anos polo delito de agresión sexual e cinco por detención ilegal.
Valora a "verosimilitude e credibilidade do testemuño da moza, a súa persistencia na acusación, a existencia de poderosos indicios", como que a moza chegase á súa casa sen roupa interior o que é compatible cunha saída atropelada da casa. A existencia de lesións físicas, a actitude da vítima ou as mensaxes telefónicas.
Na mesma liña se manifestou a avogada da acusación particular.
Mentres que a avogada da defensa de Manuel A.L., pediu a libre absolución para o seu defendido, entre outros argumentos, mantivo que as lesións que presentaba a moza foron provocados "polo rozamento da barba" ou que a muller puido liberarse durante o control da Garda Civil no Corredor do Morrazo.
O xuízo quedou visto para sentenza.