Comeza o curso de educación secundaria, FP e bacharelato
Por Oskar Viéitez
Os estudantes iniciaron este luns o curso en educación secundaria obrigatoria (ESO), bacharelato e ensinanzas de réxime especial.
Tamén dan comezo as clases nos ciclos formativos de Formación Profesional e nos Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI) que se imparten nos institutos de educación secundaria (IES) e nos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) da provincia de Pontevedra.
Segundo informou a Xunta de Galicia a totalidade dos centros iniciaron a súa actividade con normalidade.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, estivo nas primeiras horas do curso escolar no CIFP Carlos Oroza da capital pontevedresa acompañado do xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares así como da deputada Ana Isabel Vázquez, en representación da Deputación de Pontevedra.
Neste senso, durante a visita, ademais de dar a benvida ao novo equipo directivo do centro, tamén aproveitou o delegado territorial para comprobar o remate das obras de mellora do edificio, no que se investiron 60.000 euros na reforma da cuberta.
Na cidade do Lérez ofértanse 11 ciclos, ao que hai que sumar a posta en marcha en Pontevedra dun proxecto de FP Dual, o primeiro relacionado con Hostalería de Galicia.