Os socialistas de Sanxenxo solicitarán a supresión da xerencia de urbanismo
Por Oskar Viéitez
O PSdeG-PSOE de Sanxenxo presentará no pleno que se celebrará o luns 30 de Setembro unha moción pedindo a supresión da Xerencia de Urbanismo.
Os socialistas de Sanxenxo entenden que non se pode xustificar a existencia da Xerencia de Urbanismo, que para o ano 2013 conta cun presuposto de 1.645.000 euros, no que unicamente 195.000 son ingresos relacionados coa actividade e só para soldos fan falta 478.345,33 euros, para gasto corrente 461.937,84. Ademais para dar cumprimento a sentenzas xudiciais desfavorables aos intereses da entidade local a cantidade de 1.000.000 euros.
"Transcorre o tempo e o grupo de goberno deixa pasar mes tras mes a súa inoperancia e poñen de manifesto a súa incapacidade de xestión. A sangría é cada vez maior e non teñen a valentía de tomar unha decisión política que supoñería un enorme aforro para xa a maltreitas arcas locais", argumentan.
Solicitarán o apoio unánime de todas as forzas políticas da corporación municipal
O grupo municipal do PSdeG insiste en que "non podemos obviar que a existencia da Xerencia de Urbanismo nestes últimos anos foi a fonte máis grande de problemas para este concello, debido á súa inoperancia, á tardanza na resolución de expedientes, a sentenzas xudiciais desfavorables cuestionando as licenzas emitidas dende a entidade local, etc ".
Finalmente indican que a supresión da xerencia inicialmente xa supoñería un aforro importante en aluguer de local, enerxía, limpeza, auga, etc así como o salario do xerente. Só asinando a resolución xa supoñería un aforro de máis de 130.000 euros.
Por todo iso solicitará o apoio unánime de todas as forzas políticas da corporación municipal do Concello de Sanxenxo.