ÿltimos días para circular en coche por Benito Corbal
Por Redacción
Entramos na última quincena antes de que as obras de peonalización que se van acometer na rúa Benito Corbal impidan o paso de vehículos por esta zona.
Segundo anunciou o concelleiro de Obras, Luis Bará, a previsión é que a finais desta semana, en torno ao 20 de setembro, se inicien os traballos dun xeito moi gradual. Primeiro realizaranse obras de recorte nas interseccións de Blanco Porto con Cruz Gallástegui e Daniel de la Sota con Castelao. Ademais vaise invertir o sentido de circulación en Cruz Gallástegui e Castelao para permitir o acceso ao Hospital Domínguez e ofrecer unha saída cara a Cobián Roffignac.
Na primeira semana de outubro realizaríase o corte da rúa Benito Corbal para acometer as obras de peonalización que realizará a empresa EC Casas. Entre outras medidas, dende o goberno local xa se alertou os servizos de autobús escolar que se vai realizar o corte coa supresión da parada en Benito Corbal. A parada alternativa establecerase na Praza de Galicia. Ademais, tamén se poñerá en marcha un novo itinerario do autobús urbano que afecta, sobre todo, a Monte Porreiro. Bará estuda desviar este percorrido cara á rúa Doce de Novembro.
O prazo de execución das obras será de dous meses. A previsión é que as obras se prolonguen ata finais de novembro para que a principios de decembro co inicio da campaña de Nadal, a zona estea preparada para que se poida desenvolver con normalidade, apuntou o concelleiro de Obras. O tramo peonil será entre Vasco da Ponte e Cobián Roffignac.
A previsión do goberno local é ir afrontando novas peonalizacións nas rúas Sagasta, Cruz Gallástegui, Castelao e Daniel de la Sota. Ese proxecto está previsto para 2014 despois de que se acometan obras tamén en Blanco Porto.
Co inicio das obras en Benito Corbal, a parada de taxis trasladarase ata Daniel de la Sota e cando finalicen aínda non se decidiu se se manterá nesta rúa ou retornarán á súa actual situación.