A Xunta detecta menos algas no encoro do Umia dende a aplicación do tratamento con codia de eucalipto
Por Redacción
O conselleiro de Medio, Agustín Hernández, advertiu que o problema da presenza de cianobacteria Microcystis Aeruginosa que, nos últimos anos, se detectaba durante os veráns no encoro da Baxe (Umia) se rexistra en case a totalidade dos encoros de Galicia e de España. Dende o 2011 estase a aplicar un tratamento con codia de eucalipto que, segundo o conselleiro, "neste ano estamos a constatar unha diminución da incidencia respecto aos anteriores exercicios". A pesar de que os resultados están a ser positivos, Agustín Hernández indicou que "temos que ser prudentes porque é un proceso que pode ter unha explosión según as circunstancias metereolóxicas". E ademais apuntou que a Xunta garante tanto a calidade como a salubridade do abastecemento de Caldas e dos concellos que utilizan o caudal do río Umia.
Precisamente o titular da consellería de Medio visitaba a Deputación Provincial de Pontevedra para renovar o convenio de colaboración que a Xunta mantén cos concellos de Caldas, Cuntis e Moraña que estaban representados polos alcaldes Antonio Pena e Maria Luisa Piñeiro e polo primeiro tenente de alcalde de Caldas, Néstor Fabián. Cada un destes municipios recibe un total de 129.696 euros para este ano como canon pola explotación do aproveitamento hidroeléctrico da presa de Caldas. Este diñeiro deberán invertelo en accións de tipo educativo, cultural e social.
En canto ao abastecemento de auga e a situación dos encoros galegos, o conselleiro indicou que se está a facer un seguimento semanal e que polo momento "se está substancialmente por riba do ano pasado. Se está agora a producir unha diminución pola seca que estamos acumulando pero a situación é de normalidade". En todo caso, Agustín Hernández indicou que ven con algo de preocupación cara ás próximas semanas debido a que as previsións metereológicas non prevén períodos de chuvias en, polo menos, os próximos 8 días.