O camioneiro que atropelou e matou a un ciclista no Pino enfróntase a tres anos e medio de cadea
Por Natalia Puga
O camioneiro de orixe portugués que o 6 de agosto de 2010 atropelou a un ciclista no Nó do Pino causándolle a morte chegará o 3 de outubro a xuizo. Será xulgado no Penal numero 1 de Pontevedra e enfróntase a dúas peticións de condena diferentes: o fiscal solicita dous anos de cadea e a familia da vítima tres anos e medio.
O fiscal acusa a Víctor S.Q.S., de 33 anos e veciño de Arouca, no distrito de Aveiro, dun delito de homicidio imprudente mentres que a acusación particular considera que cometeu outros tres delitos: omisión do deber de socorro, desobediencia grave e condución temeraria. Os gardas civís que participaron na súa detención tamén comparecen na causa acusándoo de telos lesionado cando se resistiu ao arresto.
Os feitos polos que chega a xuízo producíronse sobre as 8.30 horas da mañá no vial que unía as dúas rotondas que por aquel entón confomaban o Nó do Pino. O acusado conducía un camión Volvo cando arrastrou un home que ía en bicicleta e en lugar de deterse seguiu a marcha ata que foi interceptado pola Garda Civil de Tráfico en San Adrián de Cobres (Vilaboa).
Os axentes lograron dar co camioneiro causante do accidente grazas ás indicacións que deu á Garda Civil e a Policía Local de Pontevedra un condutor que presenciou o accidente e ao ver que o camión abandonaba o lugar dos feitos sen deterse a ver que sucedía coa súa vítima seguiuno ao tempo que chamou os sevizos de emerxencias.
Os gardas civís que ían detelo resultaron feridos
Unha vez que un patrulla de Tráfico lle deu o alto e lle comunicou que ía ser arrestado e o seu camión inmobilizado, o camioneiro resistiuse, derivando o incidente nun enfrontamento no que os axentes resultaron feridos, segundo consta na acusación que presentaron nesta causa. Finalmente, logrou ser reducido por tres gardas e ingresou no cárcere. Permaneceu dous meses e medio en prisión preventiva e quedou en liberdade tras pagar unha fianza de 3.000 euros.
O ciclista ao que arrastrou era José Alberto Ríos Vázquez, de 46 anos e veciño da rúa Pintor Laxeiro de Pontevedra. O home, casado e con dous fillos dirixíase ao traballo nun taller de Salcedo e faleceu no propio lugar dos feitos a consecuencia do impacto recibido.
A familia da vítima considera que o acusado cometeu un delito de omisión do deber de socorro porque non se detivo tras golpear o ciclista, pero o fiscal non recolle este extremo no seu escrito de acusación, pois non quedou acreditado ata o momento que o camioneiro fora consciente de que arrastrara a súa vítima e no instante do sinistro o vial polo que circulaba estaba moi transitado, de forma que outros condutores puideron asistir á vítima.