Vázquez Taín: "o tema das drogas é básicamente político"
Por Oskar Viéitez
Jose Antonio Vázquez Taín, antes de ser coñecido como o xuíz de Santiago que dirixiu a investigación do roubo do Códice Calixtino, exerceu como titular nos xulgados da Coruña e Vilagarcía, onde se labrou unha reputación polo seu empeño contra o narcotráfico e a súa loita contra o crime organizado, incluído o contrabando de tabaco.
Esta semana participou nas mesas redondas do XIII Simposium Nacional de Medicina Aeroespacial, celebradas en Pontevedra, onde defendeu a tese de que "o tema das drogas é basicamente político".
A loita contra a droga ten moitísimo máis de aparencia, de política ou de imaxe que de realidade
Segundo o maxistrado hoxe en día non hai guerras por ideoloxía, nin por petróleo senón por controlar a droga "cuxa loita, por certo, ten moitísimo máis de aparencia, de política ou de imaxe que de realidade". Neste sentido Vázquez Taín móstrase contundente "si un estado democrático non é capaz de dominar un tráfico de droga é porque non é Estado ou non é democrático, algo falla".
Vazquez Taín recordou que estivo cinco anos destinado en Vilagarcía. Durante a súa estancia mantivo, en estreita relación coas Forzas de Seguridade do Estado, unha importante presión contra as bandas do narcotráfico e chegou a realizar numerosas operacións que permitiron retirar do mercado cincuenta e sete toneladas de drogas: 40 de cocaína e 17 de hachís "máis que toda a Audiencia Nacional, nun xulgado de pobo e con moi poquitos medios, pero pódese facer si se quere", afirmou.
Hai que facer máis intelixencia e menos traballo material
Da súa experiencia conclúe que os narcotraficantes son "oportunistas", así que as liñas tradicionais de entrada de droga nas que existe unha presión policial modifícanse por outras, explicou o xuíz, que recoñeceu que a introdución de sustancias prohibidas a través do tráfico aéreo estase desenvolvendo de forma "incipiente", cada vez se han ir detectando máis casos.
"Neste ano 2012 atopáronse importantes alixos, polo que haberá que estar moi atentos sobre esta liña de entrada", sinalou.
O xuíz comentou que en España onde hai moitos aeroportos "e algúns deles sen actividade", detectouse a presenza dunha organización que intentaba comprar un destes aeroportos sen uso para introducir estupefacientes mediante un tráfico de mercancías ficticio.
Por este motivo Vázquez Taín insiste en que por parte dalgúns servizos como Vixiancia Aduaneira hai que "facer máis intelixencia e menos traballo material, porque non serve de nada ter barcos no auga rotando constantemente se non tes intelixencia que lles diga onde vai entrar a droga. O mar é moi grande e esa vixilancia é inútil", apuntou.
Vázquez Taín recorda que hai unha delincuencia moi especializada, por exemplo nos casos de blanqueo de diñeiro. "Por iso, necesítanse uns medios e coñecementos moi específicos, si non todo se ralentiza", declarou o xuíz.
Unha maior especialización na xustiza "sería idónea, xa que, ademais de evitar desfases fiscais, permitiría unha maior transparencia e melloraría a loita contra a corrupción, algo que xeraría maiores ingresos ao fisco".
Neste sentido, Vázquez Taín puxo como mal exemplo os seis anos que tardou en recibir o informe pericial cando instruía en Vilagarcía o caso do narcotraficante Luís Falcón Pérez, coñecido como "Falconetti", xulgado esta semana (doce anos despois) na Audiencia Provincial de Pontevedra.
Relacionadas:
-
O fiscal eleva a acusación contra Falconetti e a súa muller, reclámalles 13,5 millóns de euros
Por Natalia Puga |
-
Falconetti: "Cumplí seis años a pulso sin tener nada que ver con el tráfico de drogas"
Por Natalia Puga |
-
Xulgan a Falconetti e a súa esposa por branquear diñeiro do narcotráfico
Por Oskar Viéitez |