Deixa a pota ao lume, péchaselle a porta e ten que chamar os bombeiros por unha nube de fume
Por Diego Torrado
Efectivos do Corpo de Bombeiros e a Policía Local de Pontevedra tiveron que intervir este sábado nun conato de incendio na rúa Xeneral Rubín. Unha muller deixouse a pota ao lume, saíu de casa, quedou fóra porque non puido abrir a porta e viuse obrigada a reclamar a presenza dos servizos de emerxencias para evitar un incendio no piso.
Segundo informaron os Bombeiros, o incidente produciuse sobre as 18.30 horas. A muller que solicitou a súa axuda vive nun undécimo piso do edificio número 7 de Xeneral Rubín e relatou que non podía acceder á súa casa e podía estar a producirse un incendio no seu interior.
Cando os bombeiros chegaron ao lugar, abriron a porta do piso e encontráronse cunha gran nube de fume. A pota coa comida estaba ao lume, queimárase e orixinara un conato de incendio. Tiveron que sufocalo e ventilar toda a vivenda dada a concentración de fumes que xerara.
O incidente obrigou a un amplo dispositivo dos Bombeiros e a Policía Local, que regulou o tráfico nas inmediacións para garantir que os servizos municipais de extinción de incendios puidesen realizar o seu labor.