Descobren un presunto ladrón por vestir unha cazadora demasiado grande
Por Redacción
Unha cazadora de moto delatou na madrugada do xoves ao venres a un presunto ladrón de coches e derivou en que a Policía Nacional o detivese como presunto autor dun roubo no interior de vehículo. Trátase dun veciño de Poio de 41 anos.
Os feitos aconteceron sobre as 1.50 horas. Unha patrulla realizaba tarefas de prevención da delincuencia e localizou un individuo ao que coñecían polos seus antecedentes policiais por roubo que ía en dirección ao poboado do Vao, en Poio. Levaba unha cazadora de moto cun talle moi superior á que necesitaba e levaba na man unha segunda cazadora tamén de moto.
Os axentes realizaron xestións e constataron que ambas as dúas cazadoras foran substraídas do interior dun vehículo estacionado na rúa Benigno Esperon de Poio que estaba aberto aparentemente sen sinais de ter sido forzado. Nas inmediacións localizaron seis vehículos máis, todos eles abertos e un cunha xanela fracturada.
Nesa mesma madrugada foi detida un segundo individuo por feitos similares. Trátase dun veciño de Pontevedra de 37 anos tamén con antecedentes que foi localizado sobre as 6.50 horas na rúa Pastor Díaz de Pontevedra.
O home foi sorprendido in fraganti subtraendo efectos do interior dun vehículo estacionado nesa rúa, para o cal forzara o marco dunha das súas portas.
Os detidos foron trasladados á Comisaría da Policía Nacional e instruíronse os correspondentes atestados, tras o cal foron postos a disposición do Xulgado de Garda.