Os veciños de Santomé denuncian o mal estado da estrada provincial
Por Redacción
Os veciños de Santomé denunciaron públicamente a falta de mantemento por parte da Deputación Provincial da estrada EP-1202 que une Seixo coa parroquia e coa estrada comarcal PO-313, Marín-Moaña, "a estrada non se limpa dende hai meses a pesar de que o seu mantemento é obriga do ente provincial".
"As herbas e as silvas invaden tamén a PO-1203 entre O Campo e Pardavila que tamén usamos os veciños de Santomé para chegar as nosas casas", din nun escrito que trasladaron aos medios de comunicación.
Estes veciños din que a última intervención do Servizo de mantemento de estradas foi "totalmente deficiente", e sinalan que as cunetas están invadidas de terra e vexetación e en canto cheguen as chuvias de novo a auga invadirá a estrada como xa pasou o pasado inverno.
"A maleza invade as beiravias de tal xeito que oculta os sinais quitamedos e a sinalización vertical facendo ainda máis perigosos algúns dos tramos, e a vexetación impide que tanto automóbiles coma peóns poidan circular con seguridade e normalidade".
"Tampouco vemos que haxa ningún interese por parte do Concello que debería reclamar da Deputación que atenda as estradas provinciais no termo municipal de Marín, pero si vemos como limpa camiños municipais que non son da súa competencia".
E conclúen, "non é de recibo que só se lembren de limpar as marxes da estrada cando hai unha festa ou unha carreira, os veciños usamos a estrada todos os días e temos dereito a circular con seguridade".