Máis dunha ducia de agrupacións folclóricas participarán no I Serán de Ponte Caldelas
Por Redacción
Máis dunha ducia de agrupacións folclóricas da zona confirmaron xa a súa participación no I Serán de Ponte Caldelas que se celebrará este sábado, a partir das 21:30 horas, na Alameda e que servirá de escaparate para a música popular formada por grupos de pandereteiras e cantareiras con gran tradición no municipio e zonas limítrofes.
Con esta iniciativa, o Concello de Ponte Caldelas quere contribuír a manter vivo o espírito que inspira estes certames tradicionais e que atopan no municipio un número importante de seguidores.
As agrupacións musicais irán subindo ao palco instalado na Alameda, por quenda de chegada, e ofrecerán un máximo de tres cancións do seu repertorio co fin de facilitar a participación do maior número posible de cantareiras que se irán incorporando ao evento segundo vaian chegando e inscribíndose para actuar.
Co fin de que as cantareiras e pandereteiras recuperen forzas e poidan seguir coa súa actuación, o Concello de Ponte Caldelas agasallará con empanada e viño aos participantes neste evento que terá á Alameda como escenario privilexiado para o seu desenvolvemento.
Esta actividade vén prorrogar as Festas dos Dolores, unha celebración que este ano brillou pola gran cantidade de público presente que, segundo o goberno municipal, non só abarrotou os espectáculos previstos na Alameda senón tamén as rúas do centro da vila do Verdugo durante o desenvolvemento da procesión do pasado martes que contou coa presenza da Banda de Guerra da Brilat e a Banda de Gaitas Os Coribantes.