Ferido un carteiro tras ser atropelado por un mozo co que acababa de discutir
Por Redacción
Un home duns 43 anos de idade resultou ferido ao ser atropelado en Sanxenxo.
O atropelo tivo lugar sobre as 8.35 horas deste venres na rúa Ourense, á altura de Correos, no municipio de Sanxenxo, segundo os datos facilitados polo 112.
Unha ambulancia medicalizada do 061 evacuou o ferido ao Hospital Domínguez cunha perna rota e feridas na cabeza.
A Garda Civil investiga o suceso xa que o condutor do vehículo e a vítima do atropelo discutiran minutos antes.
Varias testemuñas presenciais declararon ante os axentes do instituto armado que o home, carteiro de profesión, reprendera un grupo de mozos que estaba a golpear un dos coches aparcados na rúa Ramón Cabanillas.
Estas mesmas fontes aseguraron que os mozos chegaron a golpear o carteiro e que a continuación subiron ao vehículo co que arrastraron a este home fuxindo do lugar.