Absoltos de estafa a parella que finxiu amizade co exalcalde da Coruña, Paco Vázquez
Por Redacción
A Audiencia de Pontevedra absolveu do delito de estafa unha parella acusada por un empresario de Baixo Miño que dixo terlles entregado 300.000 euros porque finxiron ser amigos do exalcalde coruñés Paco Vázquez, entón embaixador no Vaticano, para que intercedese ao seu favor nun pleito que tiña con outro coñecido industrial do Porriño.
O desenlace do xuízo xa era esperado despois de que o fiscal do caso, David de la Fuente, decidise retirar a acusación contra Romina M.A. e José Francisco A.F. ante as "dúbidas" de que realmente tivesen chegado enganar á suposta vítima que lles denunciou.
Romina M.A., veciña da zona de Tui, admitiu que recibiu distintos cheques pero pola relación sentimental que mantiña coa suposta vítima, Manuel O.L., en concreto a acusada recoñeceu que o empresario lle pagou en nove cheques 71.000 euros, pero asegurou que non lle enganou para que llos aboase, senón que o fixo a cambio dos seus servizos como prostituta de alto standing. Así, indicou que mantiña relacións sexuais con el a cambio de diñeiro e lle cobraba comisión por organizarlle festas e orxías nun piso en Vigo con outras rapazas.
O outro acusado, José Francisco A.F., parella de Romina á que coñeceu en prisión, asegurou que descoñecía a relación entre o empresario e a súa noiva.
A sentenza que publica a xornalista Ujué Foces, en páxinas de Faro de Vigo, considera "que o elemento do engano non se acreditou pois ao ter aceptado os acusados o cobramento dos cheques "a discrepancia" acerca da orixe destes, e se eran consecuencia dunha contraprestación ou respondían a manobra se orquestrou polos acusados" non quedou acreditado.
O Tribunal fai súas as teses do fiscal ao retirar a acusación durante o xuízo, e considera que a trama "sería tan basta" que fai impensable o engano. "Trátase dun empresario ben relacionado e con estudos universitarios. Unha mínima dilixencia sería suficiente para non realizar esas entregas tanto tempo", indica o fallo. O tribunal destaca, ademais, que a suposta vítima seguiu ingresando diñeiro no peculio de Romina mentres estaba en prisión. Tampouco compareceu no xuízo o suposto detective que contratou.