Falece de madrugada o pescador que foi rescatado onte á noite do río Lérez
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O home de 47 anos que ingresou onte pola noite na Unidade de Coidados Intensivos do Complexo Hospitalario de Pontevedra, tras caer ao río Lérez, faleceu esta madrugada. Fora rescatado este xoves do río Lérez tras permanecer ao redor de 10 minutos mergullado nas súas augas e logrou ser revitalizado despois de 30 minutos de tarefas de reanimación. Malia os esforzos dos equipos sanitarios e de rescate, o seu estado de saúde era moi delicado e logrou sobrevivir apenas unhas horas no centro sanitario.
O incidente aconteceu arredor das 19.25 horas da tarde. Unha muller alertou os servizos de emerxencias indicando que un home co que estaba a pescar ao lado da estación de bombeo de Monte Porreiro quedara mergullado no río e non conseguía saír á superficie. O home estaba a pescar, e no mesmo lugar do afogamento apareceron os seus aparellos de pesca, pero non transcendeu se caeu á auga ou se nun descanso da pesca empezou a nadar e perdeu o control.
Inmediatamente trasladáronse ao lugar axentes das policías Local e Nacional, os Bombeiros de Pontevedra e unha ambulancia medicalizada do 061. Os primeiros en chegaron foron unha dotación de policías municipais e o cabo dos bombeiros Vicente Ferrería, que non estaba de servizo, pero encontrábase nunha zona próxima e, ao recibir o aviso do sucedido, foi correndo ata o punto.
Vicente Ferrería: "Me metí al agua, me sumergí unos metros y le localicé. Estaba a unos dos metros y medio o tres"
O propio Ferrería botouse á auga e logrou rescatar o home. "Me metí al agua, me sumergí unos metros y le localicé", relatou minutos despois do rescate, aínda empapado. Segundo indicou en declaracións a PontevedraViva no propio lugar do incidente, o home estaba somerxido xa a "unos dos metros y medio o tres metros".
O bombeiro levouno á beira e entre el e os efectivos policiais e de bombeiros que xa estaban no lugar empezaron a realizarlle tarefas de reanimación cardiopulmonar (RCP). Estiveron "durante unos diez minutos". Entón, chegaron os efectivos dunha ambulancia do 061 e os sanitarios realizáronlle outros "20 minutos más ou menos" de reanimación. Tras ese total de 30 minutos, lograron regresarlle o pulso.
As tarefas de rescate non fixeran nada máis que empezar. O lugar do incidente está situado nun desnivel, a uns 200 ou 300 metros da estación de bombeo. A primeira dificultade foi levar os medios necesarios para o rescate ata o lugar, pois os coches dos servizos de emerxencias e policiais tiveron que quedaron a uns 300 metros, os efectivos acudiron andando cargando co seu equipo e, ao chegar, baixar por un desnivel de varios metros.
Bombeiros, policías e sanitarios tiraron por unha corda da cama para subilo dende un desnivel de varios metros
Os sanitarios do 061 situaron a vítima, que responde ás iniciais R.V.G. e é veciño do barrio da Seca, nunha padiola e entre máis dunha ducia de policías, bombeiros e persoas voluntarias tiraron por unha corda para lograr levar a padiola ao camiño principal salvando o desnivel. O rescate foi a través dun camiño de terra de medio metro de ancho e con grande pendente, de aí que se prolongase varios minutos.
Unha vez na vía de sendeirismo que pasa polo lugar, xa o trasladaron ata a ambulancia e, de aí, derivárono ao Hospital Montecelo.
Testemuñas presenciais indicaron que o home estaba acompañado dunha muller que podería ser a súa parella e da filla desta e que foron elas as que pediron axuda porque non saben nadar para poder tirarse a rescatalo. Pilar, unha veciña de Monte Porreiro, engadiu que o home adoita pescar polas inmediacións e que nunca lle sucedera nada.
A escasos metros da pequena praia fluvial na que se produciu o incidente morreu afogado un pescador no ano 2007. Tratábase de José Manuel Sánchez Torres, de 54 anos, fillo de 'El Moreno', guía de pesca do xeneral Francisco Franco no Lérez. Naquela ocasión, estaba a pescar salmón e o seu irmán resultou ferido ao intentar salvalo.