Sanxenxo delimita nove núcleos nos que a servidume de protección estaría a 20 metros
Por Redacción
A alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, xunto coa concelleira de Urbanismo e voceira do grupo municipal do PP, María Deza, presentou este luns aos representantes dos demais partidos políticos con representación local o proxecto de delimitación de núcleos que poderían acollerse ao establecido pola Lei 2/2013, do 29 de maio, de protección e uso sostible do litoral, e pola modificación da Lei 22/1998, do 28 de xullo, de Costas, publicada o pasado mes de maio no BOE.
Esta norma introduce a posibilidade de que, no prazo de dous anos dende a súa entrada en vigor, se inste pola Administración urbanística competente a aplicación deste réxime, que permitirá a redución da servidume de protección de 100 a 20 metros, nas áreas que, á súa entrada en vigor, non estiveran clasificadas como chan urbano pero que, nese momento, reuniran determinados requisitos.
Entre as esixencias establecidas por esta disposición encóntrase a necesidade de contar con acceso rodado, abastecemento de auga, evacuación de augas residuais e subministración de enerxía eléctrica e estar consolidados pola edificación en polo menos un terzo da súa superficie. Tamén se poderá aplicar a aquelas zonas que carecen dalgún destes requisitos pero que pertencen a áreas consolidadas pola edificación como mínimo en dúas terceiras partes da súa superficie, no caso daqueles concellos con plan; e na metade da súa superficie, para os que carecen del.
Unha vez culminada a revisión de todo o termo municipal, o Executivo sanxenxino propuxo aos representantes da oposición determinar como núcleo a
- Arnosa (Vilalonga) cunha superficie neta de 33.354 m2, 25 edificacións anteriores á Lei de Costas, 16,677 parcelas dispoñibles e un grao de ocupación do 149,90%.
- A Revolta (Noalla) cunha superficie neta de 15.286 m2, 6 edificacións anteriores á Lei de Costas, 7,643 parcelas dispoñibles e un grao de consolidación do 78,50%
- Foxos (Noalla) cunha superficie neta de 11.964 2, 10 edificacións anteriores á Lei de Costas, 5,973 parcelas dispoñibles e un grao de ocupación do 167,42%
- Fontenla (Noalla) cunha superficie neta de 16.953 m2, 10 edificacións anteriores á Lei de Costas, 8,476 parcelas dispoñibles e un grao de consolidación do 117,98%
- Major (Noalla) cunha superficie neta de 25.790 m2, 9 edificacións anteriores á Lei de Costas, 12,895 parcelas dispoñibles e un grao de consolidación do 69,79%.
- Seame (Adina) que dispón dunha superficie neta de 8.175 m2, 7 edificacións anteriores á Lei de Costas, 8,175 parcelas dispoñibles e un nivel de ocupación do 85,62%
- Festiñanzo (Dorrón) cunha superficie neta de 8.954 m2, 6 edificacións anteriores á Lei de Costas, 8,954 parcelas dispoñibles e un grao de consolidación do 67%
- A Granxa (Dorrón), que conta con 14.741 m2 de superficie, 22 edificacións anteriores á Lei de Costas, 14,741 parcelas dispoñibles e unha ocupación do 149,24%.
- Cabicastro, en Adina, forma parte así mesmo desta proposición dado que se trata dun núcleo xa existente.
Tal e como explicou o equipo de Goberno, o criterio aplicado en canto ao grao de consolidación foi o máis restritivo, esixindo unha porcentaxe mínima do 66%.