Seguen as protestas contra a subestación eléctrica de Bértola cunha marcha de cinco quilómetros
Por Redacción
Lonxe de acougarse os ánimos, a pretendida construción da subestación eléctrica de Bértola (Vilaboa) segue xerando mobilizacións de protesta entre os veciños. Un cento de persoas manifestáronse este venres para esixir a paralización do proxecto. Fixérono cunha marcha a pé de cinco quilómetros entre as parroquias de Bértola e Figueirido, os dous lugares que se verían máis afectados por esta instalación.
Os manifestantes, que portaban pancartas con mensaxes contra a subestación e non deixaron de facer soar os seus silbatos durante toda a marcha, concentráronse previamente na parcela na que a empresa Red Eléctrica ten previsto construír a central. Trátase dun proxecto ao que os veciños non se opoñen, pero néganse a que se sitúe nese emprazamento, demasiado preto das súas vivendas.
De feito, recordan que tanto o Concello de Vilaboa como a Plataforma de Afectados xa entregaron informes á Xunta nos que se reflicte os problemas de saúde que podería xerar esta subestación en dita situación. Ademais, nesa reunión, na que participaron representantes da Consellería de Economía e Industria e da empresa Red Eléctrica, tamén se propuxeron situacións alternativas nos montes veciñais da parroquia
Os afectados aseguran que manterán as protestas ata que Red Eléctrica acceda a construír a subestación noutra parcela máis afastada do centro da parroquia. Tratarán de evitar que comecen os traballos na parcela o vindeiro luns. Antes, aproveitarán o paso da Vuelta ciclista a España este domingo para visibilizar as súas protestas.
Relacionadas:
-
Os veciños de Bértola, tres meses de garda a diario contra a subestación do AVE
Por Redacción |
-
Goberno e oposición debaten no Parlamento galego sobre a seguridade da subestación de Bértola
Por Oskar Viéitez |
-
Protestas de afectados por preferentes e veciños de Bértola ao paso da Vuelta por Pontevedra
Por Redacción |
-
O informe técnico solicitado polo Concello de Vilaboa dá a razón aos veciños de Bértola
Por Redacción |