Educación desbota novos colexios en Pontevedra porque cos actuais "están cubertas todas as necesidades"
Por Alejandro Espiño
A redefinición do mapa escolar de Pontevedra segue avanzando. A Consellería de Educación espera poder completalo nos próximos meses. Polo momento, o único que transcendeu é que a Xunta descarta a construción de novos colexios na cidade. Asegura o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, que cos centros existentes actualmente "están cubertas todas as necesidades educativas".
Durante a súa visita ás obras de reforma do CEIP Froebel, Jesús Vázquez, explicou que non se cubriron todas as prazas dispoñibles nos colexios pontevedreses, polo que non ve necesario un novo centro, como demandaba o Concello de Pontevedra, en Valdecorvos. "Se ben é certo -aclarou o conselleiro- que hai que facer un investimento en reformas e adecuación de espazos nos centros", algo que se acelerarían "se foran outras as circunstancias económicas".
Neste sentido, o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, afirmou que en Pontevedra quedaron vacantes preto de 200 prazas, especialmente nos centros educativos da periferia da cidade. "Temos que decirlle á cidadanía que hai que aproveitar máis eses centros", dixo. E entre eles citou o Vidal Portela, o Vilaverde, o CEIP Príncipe Felipe ou os colexios de Monte Porreiro, cos que "cumprimos os obxectivos marcados".
Pérez Ares recordou que esta "zonificación" de Pontevedra paralizouse durante dous anos polo recurso xudicial á adscripción do Crespo Rivas ao CEIP Campolongo, decisión avalada agora pola xustiza, recordou. O obxectivo final é que "un pai sepa que o seu fillo entra nun centro educativo e sepa cal é o seu referente en educación primaria e secundaria", porque ata agora en Pontevedra "hai un totum revolutum".
AVANZA A REFORMA INTEGRAL DO FROEBEL
O conselleiro de Educación visitaba Pontevedra para supervisar o estado do CEIP Froebel, cuxas obras de reforma integral están a piques de completar a súa segunda fase. Son 200.000 euros dos 1,7 millóns de euros nos que están presupostados todos estes traballos, "unha obra importante para satisfacer unha demanda histórica nun colexio histórico de Pontevedra", sinalou Jesús Vázquez. "Daremos paso a un centro totalmente renovado".
Os traballos de mellora desta segunda etapa, que concluirán a principios de curso, céntranse no espazo de primaria e na zona de acceso lateral do edificio. Inclúe ademais a parte traseira da fachada principal e o espazo que linda coa Facultade de Belas Artes, así como a antiga torre situada na zona de acceso lateral.
Quedará pendente a terceira fase destes traballos, unha fase "costosa", recoñeceu o conselleiro. "Temos que buscar nos vindeiros meses nos orzamentos, pero esperamos poder facelo o próximo ano", explicou. As obras centraranse no volume central do edificio que dá á rúa Xeral Martitegui, incluíndo as aulas de primaria e a zona cuberta do patio central, así como o distribuidor que rodea ao mesmo.
A directora do colexio, que conta actualmente con 235 alumnos, destacou que co avance destas obras vese o final de "un proceso larguísimo de loita por recuperar un edificio tan vinculado á educación deste país". María Teresa Couto explicou que, principalmente, tras esta reforma contarán con "máis espazos", xa que había zonas "infrautilizadas ou imposibilitadas", ao non actuarse nelas desde 1939. "En canto a obra esté completa será unha marabilla", concluíu.
Relacionadas:
-
Educación responde ao Concello e nega que os centros educativos da cidade estén saturados
Por Redacción |
-
O Concello queixarase a Educación por non construir novos colexios, ao considerar "necesario" Valdecorvos
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta aproveitará o verán para acometer a segunda fase da reforma do colexio Froebel
Por Oskar Viéitez |
-
A baixa natalidade deixa prazas libres en Infantil e descarta definitivamente o colexio de Valdecorvos
Por Natalia Puga & Oskar Viéitez |