Tres exposicións solidarias, antesala da 'Festa do Voluntariado' de Vilagarcía
Por Redacción & Aitana Vidal
Vilagarcía xa quenta motores para a 'Festa do Voluntariado' e faino a través de tres exposicións solidarias no o auditorio municipal. A concelleira de Traballo e Benestar, Elena Suárez, e representantes de distintas asociacións sociais inauguráronas este martes e poderán visitarse durante todo o día ata o sábado 31 de agosto.
As exposicións son 'Imaxes con Fondo' e Influír no global dende o local' do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e unha mostra de imaxes do concurso de fotografía realizado pola Liga Reumatolóxica.
'Imaxes con Fondo' é unha exposición que naceu dun concurso de fotografía do Fondo Galego e pretende promover a reflexión, o pensamento crítico e un cambio de actitude dentro da nosa sociedade, por medio da palabra e a imaxe. Consta de 20 paneis a toda cor de cartón pluma.
'Influír no global desde o local: As entidades locais galegas perante un mundo desigual e inxusto' é unha exposición con 12 paneis despregables de lona a toda cor deseñada polo coñecido debuxante Pepe Carreiro e vai acompañada de unidade didáctica e trípticos.
As tres exposicións intégranse nas acitividades organizadas polas concellarías de Servizos Sociais e Xuventude de Vilagarcía no marco dunha completa Semana Solidaria. O acto central será o sábado 31 de agosto, coa celebración, por sexto ano, da 'Festa do Voluntariado', na que participarán 24 entidades sociais.