Vilagarcía suspende o Mercado Pirata ante o escaso número de feirantes inscritos
Por Redacción
As Festas de San Roque, en Vilagarcía, quedan sen o anunciado Mercado Pirata programado para a segunda semana de festexos patronais.
Ante a coincidencia de eventos similares noutras localidades durante os mesmos días, a asociación de artesáns encargada de organizar o mercado non logrou reunir un número óptimo de feirantes que accedesen a desprazarse ata Vilagarcía, segundo traslada o goberno local.
O Concello anunciou esta suspensión ante "a mala imaxe que produciría organizar un mercado cun número moi reducido de postos".
Dende A Ravella aseguran que tamén afectaron as discrepacias entre os propios asociados coa situación da feira, que podía celebrarse en tres lugares segundo o proposto polo Concello.
A pesar desta suspensión as festas seguen adiante en Vilagarcía durante toda a semana co resto de actividades previstas, como concertos, cine na rúa ou a Noite das Meigas.