A Xunta replica a ENCE que "a última palabra" sobre o seu traslado tena o Goberno galego
Por Redacción
"A última palabra" sobre a permanencia de ENCE na ría de Pontevedra é da Xunta de Galicia. ÿ a réplica contundente do Goberno galego ás palabras do presidente da empresa, Juan Luís Arregui, en Pontevedra, nas que afirmaba que están máis preto de quedarse en Lourizán que de trasladarse. A Xunta de Galicia remite ao programa electoral do PP, que mantén que a pasteira debe abandonar a súa ubicación en 2018.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asegura que a decisión de que ENCE se manteña no seu actual emprazamento "non corresponde á entidade empresarial, senón á Xunta de Galicia". Sinala que así se recolle na Lei de Costas, reformada polo Goberno central e que, segundo a Consellería, "permite ás Comunidades Autónomas ter a última palabra".
"A opinión da Xunta ao respecto desta cuestión está claramente expresada e recollida no programa electoral que os galegos acaban de referendar hai menos dunha semana", engade o Goberno galego, que insistiu en numerosas ocasións en que a planta debe abandonar a súa actual ubicación en 2018 e buscar outro asentamento na comarca.