Sanxenxo concederá 'licenza express' para trámites urbanísticos a próxima semana
Por Redacción
A 'licenza express' está a punto de ser unha realidade en Sanxenxo. A partir da próxima semana, a Xerencia Municipal de Urbanismo dará o visto e prace nun prazo de 15 días ás solicitudes de obra menor a través dun proceso abreviado de concesión de autorización por actuación comunicada.
Segundo informou o Concello, o sábado remata a exposición pública da ordenanza reguladora do procedemento de tramitación de licenzas urbanísticas e de intervención administrativa no exercicio de actividades, referendada o pasado 28 de xuño polo Pleno da Corporación e que entrará en vigor o luns en caso de non recibir ningunha alegación.
O Goberno local busca con ela ofrecer unha maior seguridade aos veciños así como ao propio Concello de Sanxenxo, ademais de adaptar a normativa municipal ao novo marco vixente no ámbito dos mecanismos de intervención administrativa.
A aprobación definitiva deste regulamento axilizará a obtención dos permisos para aquelas actuacións de reducido impacto urbanístico ou repercusión ambiental. A partir de agora, abondará cunha mera comunicación á Administración da intención de levar a cabo estas obras cunha antelación mínima de 15 días hábiles á data na que estea proxectado o inicio dos labores, presentando, iso si, a documentación requirida para o tipo de intervención prevista.
Entre os traballos que se poderán realizar acolléndose a esta medida destacan aqueles relacionados coa conservación de exteriores que manteñan as características compositivas básicas das fachadas e cubertas, a uniformidade estética e dos materiais; e os de reforma parcial non estrutural de escasa entidade no interior das vivendas e dos locais comerciais.
A nova ordenanza favorece tamén que con carácter xeral o exercicio de actividades no Concello de Sanxenxo non estea sometido á obtención de licenza municipal, sendo suficiente para inicialo a presentación ante a Administración local dunha comunicación previa, no modelo normalizado e achegando a documentación indicada.