Recyges renova por catro anos máis a xestión do servizo de recadación municipal en Pontevedra
Por Redacción
A empresa Recyges seguirá explotando o servizo de recadación municipal e executiva do Concello de Pontevedra. Así o determinou a Xunta de Goberno. A súa oferta foi a mellor das cinco recibidas na mesa de contratación. Seguirá xestionando esta actividade durante os próximos catro anos, prorrogables por dous máis. O goberno municipal destinará a este contrato, como máximo, uns 900.000 euros anuais.
De cada liquidación tributaria en vía de prema, como os pagos da viñeta de vehículos, a empresa quedarase con 18,5% do diñeiro ingresado polos cidadáns. No caso das multas por vía executiva esta cantidade ascenderá ata o 27%. Todo iso ata ese tope máximo de 900.000 euros ao ano. A empresa será a que se acuda á vía xudicial para defender os intereses do Concello en calquera reclamación futura.
Ademais, o Concello de Pontevedra destinará un máximo de 20.000 euros, dos cales o 85% aportará o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, a tarefas de información e prevención de condutas de violencia sexual entre adolescentes. Trátase, dixo Carme da Silva, de dar recursos ás familias e ás persoas da contorna dos mozos para corrixir este tipo de actitudes.
Celebraranse actividades dirixidas aos rapaces e tamén xornadas de información xeral á cidadanía para que saiban como combatelas e actuar ante elas. Esta iniciativa completarase con talleres dirixidos aos profesionais que tratan con este tipo de condutas, entre eles, policías, persoal sanitario ou técnicos do Centro de Información á Muller (CIM).
OUTRAS ADXUDICACIONS
Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno confirmou a adxudicación á empresa Eiriña das obras de rehabilitación integral da rúa Santa Clara, unha actuación na que se investirán 676.000 euros. Ademais, EC Casas será a encargada de completar o saneamento en Vilaverde (Mourente). Investiranse 118.000 euros e en dita actuación incluiranse a construción de pasos elevados nas inmediacións do colexio situado na zona.