Os touros non son 'gratos' en Pontevedra, pero non se prohibirán "porque non é a nosa competencia"
Por Redacción
O Concello de Pontevedra está "totalmente en contra" de que se celebren espectáculos taurinos na cidade. Por iso, este tipo de festexos non se inclúen no programa de festas. Pero máis aló desta medida, pouco máis poden facer, sinalou a concelleira de Festas, Carme da Silva. Trátase, dixo, "dunha empresa privada que desenvolve unha actividade privada" e que ten a autorización pertinente para poder facelo.
"Non podemos impedir que se celebren na cidade porque non é a nosa competencia", afirmou Carme da Silva, quen recordou que o BNG presentou unha moción no Parlamento autonómico para que se prohibisen as touradas en Galicia, ao ser a Xunta de Galicia a administración competente para regular este tipo de espectáculos, unha proposición "que foi rexeitada pola maioría do Partido Popular".
Carme da Silva, que persoal e políticamente declarouse "profundamente antitaurina", afirmou que este tipo de espectáculos "non teñen nada que ver coa cultura galega" e neles prodúcese un "maltrato animal desmesurado".
En todo caso, a concelleira de Festas reiterou que o Concello de Pontevedra "de ningunha maneira colabora con ese tipo de espectáculos", máis aló da obrigación municipal de garantir que non se produzan incidentes ou problemas relacionados co tráfico nos arredores da praza de touros. Uns efectivos policiais, dixo, "que nos gustaría poder dedicar a outras cousas".