Flashmob na Peregrina contra "unha casa de cultura sen cultura" en Salcedo
Por Natalia Puga
O director da orquestra. Un par de músicos. Unha rapaza cunha cadeira. Unha decena de persoas máis. E pouco a pouco o centro da praza da Peregrina foise enchendo de mozos e de instrumentos. Ao seu arredor, fóronse sumando viandantes que percorrían ás 20.00 horas un dos epicentros da vida social de Pontevedra. Dez minutos máis tarde xa eran unha trintena os que tocaban e sobre un centenar os que escoitaban e miraban facendo unha roda. Mentres tanto, cada vez máis espectadores gravábano todo coas súas cámaras e teléfonos móbiles.
A Peregrina estaba sendo escenario, na tarde-noite deste luns, dun flashmob reivindicativo. Sen preaviso, os integrantes da plataforma cidadá por unha Casa da Cultura Digna para Salcedo organizaran un concerto para facer chegar aos pontevedreses as súas reclamacións e a loita que levan adiante dende hai varias semanas.
O obxectivo do seu flashmob é pedir ao Concello de Pontevedra que se reformule o proxecto de constucción da nova casa de cultura da parroquia tal e como está formulado e que se pare a negociar cos distintos colectivos sociais e culturais de Salcedo a forma na que debería facerse para cubrir as necesidades da zona.
Un grupo de mozos foi explicando a súa 'loita' ao público espontáneo da Peregrina, repartindo panfletos explicativos mentres algúns dos integrantes da plataforma recollían firmas pola causa e cada vez máis mozos se sumaron á actuación improvisada, dirixida polo presidente da plataforma, Fran Luvía. Un concerto breve que, con igual rapidez que se montou, se disolveu. Tras del deixou a súa mensaxe de protesta, que quere ser: "paremos unha casa de cultura sen cultura".
Nos folletos repartidos entre o público denunciaron que o proxecto de casa de cultura de Salcedo se aprobou no Consello Parroquial sen a unanimidade das asociacións de Salcedo e que os que votaron contra o fixeron porque non cumpre cos requisitos mínimos para o desenvolvemento das actividades reais de todas as asociacións da parroquia". ÿ un proxecto que "chega tarde para o pasado de Salcedo, non serve para o presente e hipoteca o futuro cultural e artístico da parroquia para sempre".