Os veciños de Sanxenxo sufrirán unha suba nas taxas municipais
Por Oskar Viéitez
O Goberno de Sanxenxo levará á comisión de contas, asuntos económicos e patrimonio a revisión de varias taxas.
Ademais na orde do día figura a proposta de fraccionar aos veciños o cobro dos recibos do lixo. De forma que os usuarios abonarán un recibo semestral e dous trimestrales, e aposta por establecer para os sucesivos exercicios que o abono se realice cada tres meses.
O documento que o luns someterase a consideración do Pleno da Corporación contempla a actualización da taxas polo servizo de distribución de auga, rede de sumidoiro e depuración de augas residuais, aplicándoselle o IPC tal e como está recollido no contrato polo que é de obrigado cumprimento, explicou o concelleiro de Economía e Facenda, Marcos Guisasola.
Tamén se actualizarán algúns aspectos da taxa de retirada e inmovilización de vehículos e na de expedición de documentos, así como nas taxas de prestación de servizos de prevención e extinción, prevención ruínas de construción, salvamentos e outros análogos, así como a relativa á prestación de servizos do Organismo Autónomo Terra de Sanxenxo.
Pola súa banda, o Goberno local propoñerá adaptar a taxa reguladora pola prestación de servizos do Centro de Día á concesión actual de maneira que o 100% da praza pasará de custar 674,54 euros a 465 euros. Unha redución do 31% que repercutirá tamén no que pagan os usuarios, recordou o edil.
A partir de 2013, o importe máximo ao mes por asistencia ás Escolas Infantís Municipais será de 160, equivalente ao marcado pola Xunta de Galicia, e manterase o baremo de descontos que o Concello de Sanxenxo aplica ás familias, o que permite que en realidade a media que pagan rolde o 50% da taxa mensual.
Finalmente, a Administración local incrementará nun 15% o prezo público pola utilización do edificio do Pazo Emilia Pardo Bazán e creará dúas ordenanzas novas. Unha delas será a relativa ás vodas civís, de maneira que os contraintes aboarán 60 euros e outra se aplicará ao Punto Limpo, concretamente á recolleita de máis de 50 quilos de escombro, servizo inexistente ata o momento, e que custará 0,40 euros por quilo.