O Concello retira o recurso á sentenza que outorga a Salcedo parte dos terreos da Brilat
Por Alejandro Espiño
"Morreu o procedemento e a sentenza é firme". Así xustifica César Mosquera a decisión do Concello de Pontevedra de retirar o recurso contra a sentenza que outorga a Salcedo a propiedade de 171 hectáreas ocupadas pola Brilat. Ou máis ben contra parte de devandita sentenza. "Nós nunca cuestionamos que os terreos son dos veciños", di. E é que o goberno local só se personou no recurso "para cubrirse as espaldas".
O Concello temía que se había unha sentenza desfavorable a Defensa, na seguinte fase de apelación, se puidese repercutir ao concello algún tipo de responsabilidade económica. Pero esa posibilidade parece agora desbotada. "Vista a sentenza e que o avogado do Estado non se personou, a asesoría xurídica recomenda retirar o recurso e polo tanto o asunto queda pechado", asegura César Mosquera.
"Houbo certas indicacións non directamente da Avogacía do Estado para manter o recurso e así subsanar o fallo de non personarse", recoñece o edil nacionalista, "pero a única intención pola nosa parte foi defender os intereses de Pontevedra e como iso está subsanado, o recurso retírase". No caso improbable de que finalmente haxa que facer fronte a unha indemnización económica, "tería que ser noutro procedemento e non neste".
Mosquera recorda que a orixe deste conflito, derivado polo aumento da franxa de seguridade da Brilat, "foi unha actitude prepotente e absurda" por parte de Defensa, o que provocou a reacción veciñal, cos que o goberno local colaborou "dando a documentación que precisaban".
En todo caso, insiste en que o Concello "nunca cuestionou" a presenza da base militar. "Ese non é o debate", di César Mosquera. "E que saian voces que digan que nós non a queremos aí, ou único que demostran é que están defendendo esa actuación absurda tomada non seu día por Defensa".