A peonalización de Benito Corbal custará 167.000 euros e comezará en setembro
Por Natalia Puga
As anunciadas obras de peonalización de Benito Corbal entran na súa recta final. O concelleiro de Obras de Pontevedra, Luis Bará, adiantou que a actuación terá un presuposto final de 167.828 euros e comezará ao longo do mes de setembro.
A actuación tivo numerosos contratempos dende que se anunciou no outono de 2012, pero nesta ocasión xa parece definitivo o impulso que deu o Concello. O próximo luns 22 de xullo a Xunta de Goberno local aprobará o expediente de contratación da obra.
Dado o importe da obra, o seu procedemento de contratación será a través de concurso negociado, de modo que a tramitación será máis curta que noutras actuacións de maior contía e se prolongará, segundo Bará, "entre mes e medio e dous meses". Desta forma,
despois da Feira Franca, pero nunha data aínda por concretar de setembro , os obreiros empezarán a traballar.Bará non quixo collerse os dedos coa data concreta nin coa duración da actuación, xa que pode xurdir "calquera imprevisto", pero si adiantou detalles da obra. Consistirá na creación dunha plataforma única entre o cruzamento coa rúa Sagasta e Daniel de la Sota que se fará con lastras de 15 x 30 x 10 centímetros. O tamaño é maior que o usado noutras rúas e similar ao empregado en Michelena porque "é máis resistente".
A peatonalización implicará a reordenación do tráfico rodado polo ámbito para permitir a realización dos traballos, que se fará conforme a un plan de seguridade que a Policía Local xa ten moi avanzado. Para aplicalo será necesario acometer pequenas obras nas rúas Sagasta ou Daniel de la Sota, consistentes, fundamentalmente, en rebaixar os bordos da rúas para permitir o xiro de vehículos.
Detrás destas actuación chegará a xa anunciada de peonalización de Sagasta, Castelao, Daniel de la Sota e Cruz Gallástegui, pero para esas obras aínda non hai data nin presuposto. Si transcendeu que a filosofía coa que se acometerá será a mesma de plataforma única que a aplicada agora en Benito Corbal.
Relacionadas:
-
A peonalización de Benito Corbal deberá concluír antes da campaña de Nadal
Por Oskar Viéitez |
-
A peonalización de Benito Corbal estenderase a Sagasta, Castelao, Daniel de la Sota e Cruz Gallástegui
Por Alejandro Espiño |
-
Jacobo Moreira reclama unha peonalización máis ambiciosa en Benito Corbal
Por Oskar Viéitez |