O Club Náutico de Sanxenxo di que é falsa a denuncia de SOS Panadeira sobre a falta de seguridade nas obras do pantalán
Por Redacción
O Club Náutico de Sanxenxo responde a S.O.S. Panadeira cun comunicado no que insiste en que a polémica substitución de fondeos por peiraos non vai afectar negativamente ás praias e sinalan que será ao contrario porque a antiga zona de fondeos quedará libre de residuos contaminantes e se van reducir o número de barcos que a ocupaban.
E dende o Club Náutico acusan aos integrantes de S.O.S. Panadeira de estar ofrecendo información falsa sobre o que está a suceder en relación cos traballos que se iniciaron para crear o novo peirao.
S.O.S. Panadeira afirmaba que o recinto de obras non estaba sinalizado, non obstante o Club Náutico presenta fotografías na que se observa a sinalización e indican que están a cumprir coa lexislación vixente, coa supervisión dos técnicos de Portos de Galicia.
Ademais, apuntan cara aos membros da plataforma ecoloxista indicando que eles se puxeron en perigo nos seus actos reivindicativos situándose na pilotadora, considerado o punto máis perigoso da obra sen autorización nin protección ningunha mentres os operarios están a cumprir coa normativa e portan cascos, chalecos e arneses de seguridade. Denuncian que a invasión na praia dos membros do colectivo supuxo a ruptura das fitas de protección, avisos de perigo e prohibición de paso.
Por último, trasladan unha fotografía na que se observa unha pintada ante a beirarrúa da tenda do contramestre do Club Náutico e alertan de que son os seus integrantes os que están a sufrir o "acoso".
Dende o Club indícase que as novas instalacións facilitarán o acceso de persoas con minusvalidez ás embarcacións e anuncian que, tan pronto como marchen os integrantes de S.O.S. Panadeira, toda a area será restituída ao seu lugar de orixe.
Relacionadas:
-
Retoman as obras do Náutico de Sanxenxo malia que están recorridas no xulgado
Por Redacción |
-
O Executivo sanxenxino solicita ao xulgado que anule a concesión ao Náutico para os seus pantaláns
Por Redacción |
-
SOS Panadeira farase notar na etapa de La Vuelta con final en Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo pide a Portos de Galicia que revoque a licenza das obras do novo pantalán do Náutico
Por Redacción |
-
Indignación en Sanxenxo polos "destrozos" das obras do novo pantalán do porto
Por Redacción |