As prazas de abastos afrontan unha reconversión
Por Oskar Viéitez
Que as prazas de abastos representan as nosas tradicións e forman parte da nosa identidade é algo asumido pola maioría dos cidadáns.
Con todo, á marxe da crise, estes espazos comerciais tan especiais necesitan con urxencia reforzar a competitividade para transformalos en motores do comercio local e en elementos de atracción turística e cultural.
Esta é a idea coa que traballa o goberno provincial, segundo explicou o presidente da Diputación, Rafael Louzán.
Os praceiros terán moito que dicir á hora de deseñar estratexias encamiñadas diversificar a oferta de venda e o modelo actual das prazas.
De momento Louzán xa pon sobre a mesa algunhas propostas como activar a vida das prazas de abastos incorporándoas á visita cultural a través da habilitación de espazos para conferencias, recitais ou pequenos concertos.
Ata propón o presidente provincial dotalos de restaurantes, cafés, entre outros, para revitalizar a oferta dos barrios e dar un valor engadido ás prazas.
Todo o sector coincide en que os Mercados de Abastos son unha contorna que ofrece moitísimo potencial para convertelo nun referente turístico e cultural da cidade.
A idea non é nova, basta con viaxar un pouco para atopar exemplos dignos de imitar como os mercados de San Miguel e San Antón, en Madrid; La Boquería, en Barcelona; ou o mercado central de Valencia.
Precisamente desde este último destino viñeron ata as Rías Baixas un grupo de praceiras de Valencia para aportar a súa experiencia e os seus primeiros consellos sinalan a necesidade de promocionar a nosa gastronomía e os produtos das nosas rías e a nosa horta aos turistas que visitan a cidade, complementado coa oferta de museos e cascos históricos.