Pachi Vázquez busca a implicación dos responsables pontevedreses do PSdeG no proceso de primarias
Por Natalia Puga
O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, acudiu este martes a Pontevedra para reunirse cos secretariso locais e provincial do partido e abordar con eles o proceso de Primarias que se abrirá o próximo luns 22 de xullo para a elección do novo responsable dos socialistas galegos. Está aínda sen despexar a dúbida de se o propio Pachi Vázquez será candidato á reelección, pero descartou desvelar a incógnita porque "hoxe non toca falar de candidatos", visitou a cidade para buscar a implicación de todos os que teñan algunha responsabilidade en algunha agrupación local socialista para que o proceso sexa un éxito.
Vázquez móstrase convencido de que o proceso será "impecable, transparente e democrático", pero para iso é necesario non só que se presenten candidatos, que recollan os avais necesarios (terán de prazo entre o 22 de xullo e o 2 de agosto), que reúnan un mínimo dunhas 1.000 firmas cada un e que "en todas ás sedes do PSOE en Galicia haxa unha furna" na que a militancia poida votar ao seu candidato o 7 de setembro próximo.
ÿ neste punto no que o líder dos socialistas pide a implicación dos secretarios locais e provincial, Santos Héctor. Con todos eles se reuniu para explicarlles todo o proceso deste novo método de elección que "vai ser a primeira vez que suceda en Galicia, que os militantes van ser os que elixan ou seu secretario xeral". Aínda que segue o debate sobre se a elección será ou non vinculante, asegura que "claro que si que vai ser vinculante, para os socialistas galegos o que saia vai ser o próximo secretario xeral".
Pachi Vázquez desvelou que o 7 de setembro haberá observadores chegados doutras comunidades autónomas para presenciar como se desenvolve a elección porque "Galicia vai marcar a pauta, vai ser un referente" e malia que non quixo aclarar se el optará como candidato a todo o proceso, si quixo eloxiar os candidatos que xa se presentaron (o alcalde da Illa de Arousa, Manuel Vázquez; o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; e o ex alcalde de Fene Iván Puentes).
Eloxiounos porque opina que para presentarse ao proceso de primarias que Galicia estreará no conxunto do PSOE estatal "hai que ser valente". "Agora é ou momento de saltar a área, é ou momento da verdade, non vale esconderse", indicou, de aí que eloxie os que se expoñan ante a militancia.
O secretario xeral dos socialistas recordoulles tamén a todos eles que "xa non valen compadreos nin cambalaches", que nesta elección "vale tanto o voto dun ministro como o dun militante" e xa non funcionan os pactos por arriba, entre os que xa teñen postos públicos e de responsabilidade.