O ladrón das luvas de calcetíns
Por Natalia Puga
A Policía Nacional detivo un veciño de Pontevedra de 40 anos polo roubo nunha tenda de alimentación da rúa Serra. Non se levou nada, pero si rompeu un cristal utilizando uns calcetíns a xeito de luvas para evitar deixar pegadas.
O roubo na citada tenda produciuse na madrugada do venres 12 de xullo, sobre as 3.00 horas. Unha persoa chamou á Comisaría alertando de que un individuo estaba a golpear a porta de cristal dun local cun obxecto de xeito insistente.
Ao lugar dirixiuse inmediatamente unha patrulla da Policía Nacional que á súa chegada sorprendeu un individuo manipulando a porta do local a través do burato que fixera. Levaba nas súas mans uns calcetíns a xeito de luvas e ao decatarse da presenza policial botounos ao chan e saíu fuxindo do lugar en dirección á rúa Cobián Roffignac.
Os axentes déronlle o alto en Cobián Roffignac e detivérono por un delito de roubo con forza, comprobando que conta con antecedentes policiais. Os axentes efectuaron a correspondente inspección ocular no lugar e comprobaron que a porta de acceso ao establecemento tiña o cristal roto por unha pedra que se encontraba alí mesmo.