Detido por roubar patacas, bebidas e cebolas dun camión de repartición
Por Natalia Puga
A Policía Nacional detivo un home como presunto autor dun roubo con forza nun camión de repartición acontecida na madrugada do 10 ao 11 de xullo. O roubo foi denunciado sobre as 8.30 horas da mañá do día de San Benito de Lérez polo seu propietario.
O denunciante explicou que deixara aparcado e pechado na rúa Loureiro Crespo e cando chegou a recollelo pola mañá descubriu que lle subtraeran dous sacos de patacas de 10 e 20 quilos, un carriño de mercadoría, un saco de cebolas de 15 quilos, 28 latas dunha bebida e 24 botellos doutra bebida tras romper o enganche de seguridade da porta lateral e forzar o manubrio de peche.
Todos estes obxectos encontrábanse en dependencias policiais, dado que sobre as 6.30 horas da madrugada dese día, unha patrulla da Policía Local interceptara un individuo camiñando pola avenida de Uruguai cunha actitude sospeitosa, portando todos estes efectos, dos que non puido constatar a súa procedencia.
Os axentes municipais inditificarno ao home, interviron os obxectos que levaba e trasladáronos á Comisaría. Ao día seguinte, cando a Policía Nacional comprobou que estes obxectos eran os que se roubaran do camión, de modo que dispuxeron a localización do citado individuo como presunto autor dun delito de roubo con forza.
O suposto ladrón foi localizado na ponte da Barca sobre as 8.40 horas da mañá e os axentes detivérono e trasladaron a Comisaría. Os efectos fóronlle entregados ao propietario do camión de repartición, e o detido foi posto a disposición xudicial.