Poio e Ponte Caldelas irmandados sobre as dúas rodas
Por Redacción
Ao redor de 200 motos do Club A Rosa dos Ventos visitaron Ponte Caldelas e protagonizaron unha concentración na Alameda tras percorrer os principais enclaves turísticos da vila como a área recreativa e a praia fluvial da Calzada.
Os motoristas entraron ás doce do mediodía na vila escoltados por efectivos motorizados da Garda Civil, Policía Local de Poio e Protección Civil. Co ruxir das súas máquinas e accionando as súas bucinas chamaron a atención dos veciños e visitantes de Ponte Caldelas que saíron ás beirarrúas a recibir a colorista comitiva. Entre os asistentes estivo o alcalde de ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, quen deu a benvida aos participantes e felicitou á organización polo comportamento dos membros da expedición moteira.
Seguindo o itinerario da organización, en primeiro lugar os compoñentes da expedición moteira percorreron o centro da vila para logo dirixirse á área recreativa e praia fluvial da Calzada onde tiveron a oportunidade de contemplar unha das paraxes naturais máis belas da provincia e que é lugar habitual de baño de veciños e visitantes xa que dispón de infraestruturas deportivas e recreativas para o desfrute en familia.
A praia fluvial está habilitada para o baño e o resultado da calidade das súas augas, tras a pertinente análise realizada pola Consellería de Sanidade, teñen o cualificativo de "excelente". De feito, de ser extrapolables os criterios que usa a Unión Europea para conceder as bandeiras azuis farían acredores a esta praia do devandito distintivo de calidade.
Tras un lixeiro descanso na área recreativa da Calzada, os compoñentes da concentración moteira dirixíronse de novo ao centro da vila para estacionar as súas máquinas na Alameda de Ponte Caldelas onde se converteron en obxecto de miradas e desfrute de veciños e visitantes que contemplaron as motos durante máis dunha hora.
DE COPILOTO UN PASTOR BELGA
As persoas que acudiron á Alameda puideron considerar todo tipo de motos, estilos, adornos, cascos, complementos e modos de vida expresados a través das súas máquinas. Como anécdota curiosa sinalar que unha das motos participantes estaba adaptada para levar como copiloto a un can, de raza pastor belga, que fixo as delicias de nenos e maiores que non daban crédito da súa docilidade e adaptación ao vehículo do seu propietario.
Mentres tanto, os compoñentes da expedición moteira gozaron da sombra do magnífico arboredo existente na Alameda así como dun refrixerio servido polos establecementos hostaleiros da localidade.
Ao redor das 13:20 horas os compoñentes da expedición subiron nas súas monturas e de xeito ruidoso, pero ordenado, abandonaron Ponte Caldelas para seguir a súa ruta de volta ao municipio de Poio, lugar dende onde partiran.