Alerta, o verán xa está aquí... cunha vaga de calor que subirá o termómetro aos 36 graos
Por Alejandro Espiño
Tardou en chegar, pero chegou con forza. O verán xa está entre nós, pero veu acompañado por unha vaga de calor que obrigou ás autoridades a establecer un plan de prevención ante as elevadas temperaturas previstas para os vindeiros días. No caso de Pontevedra, segundo informa Meteogalicia, activouse a alerta amarela por temperaturas que poden chegar aos 36 graos.
Ante esta situación, o Concello fai un chamamento a toda a poboación para que extreme as precaucións nestes días, especialmente entre os grupos de máis risco, nenos e persoas maiores. Trátase dunha situación que podería prolongarse ata mediados da próxima semana e recordan que estas altas temperaturas tamén favorece o risco de que se produzan incendios forestais, polo que hai que extremar as precaucións.
Con carácter xeral, o goberno municipal lembra as recomendacións para levar o mellor posible estas altas temperaturas:
- Evitar saír á rúa, ao longo do día, se se pertence aos grupos vulnerables de poboación como maiores e nenos.
- Beber líquidos frescos, especialmente auga e zumes; e evitar líquidos quentes, alcohólicos, estimulantes o moi azucarados.
- Evitar comidas copiosas, optando por froitas e verduras.
- Empregar roupa folgada, con tecidos naturais.
- Cubrir a cabeza, empregar cremas solares protectoras e calzado cómodo e transpirable.
- Na vivenda empregar as estancias máis ventiladas e frescas, pechando as ventanas no día e abríndoas para ventilar na noite.
- Non descartar darse duchas de auga fresca ou morna para tratar de levar o calor.
- Evitar a rúa nas horas de máis calor, así como a actividade física.
- No coche non deixar nenos, nin persoas maiores, nin mascotas.
- Tampouco se recomenda acudir á praia nas horas de máis calor.
Pola súa banda, Benestar Social Municipal deu as pertinentes ordes para atender os sectores máis desfavorecidos ou que precisan de maior axuda. A Policía Local informará a todas as persoas que pernoctan na rúa de onde poden dirixirse para tomar bebidas frescas ou refrescarse cunha ducha. Benestar Social tamén deu ordes ás empresas que prestan servizos de axuda no fogar e teleasistencia para que informen destas medidas a todos os usuarios.
O Concello solicita a colaboración directa da cidadanía en xeral para que estean atentos para poder dar a voz de alarma naquelas situacións nas que se comproben riscos, como no caso de persoas maiores que vivan soas ou enfermos.