O fiscal retira a acusación contra unha parella por finxir amizade con Paco Vázquez para unha estafa
Por Natalia Puga
O xuízo contra unha parella acusada de facerse pasar por amigos do político do PSOE Francisco Vázquez para estafar un empresario pechouse este xoves cunha sorpresa final. O fiscal do caso, David de la Fuente, decidiu retirar a acusación contra Romina M.A. e José Francisco A.F. ante as "dudas" de que realmente tivesen chegado enganar a suposta vítima que os denunciou.
Durante o xuízo celebrado na Audiencia Provincial de Pontevedra, o empresario supostamente estafado explicou que a parella de acusados se ofreceu a mediar con Paco Vázquez cando este era embaixador de España no Vaticano para que a axudase a solucionar un problema xudicial que tiña con outro empresario de Porriño. A cambio desta mediación, teríalles aboado uns 300.000 euros en cheques e, a maioría, en efectivo para os gastos que lle ocasionaba e tamén para supostamente pagar o político socialista ex alcalde da Coruña.
Pola súa banda, a acusada recoñeceu que o empresario lle pagou en nove cheques 71.000 euros, pero asegurou que non lle enganou para que llos aboase, senón que o fixo a cambio dos seus servizos como prostituta de alto standing. Así, indicou que mantiña relacións sexuais con el a cambio de diñeiro e lle cobraba comisión por organizarlle festas e orxías nun piso en Vigo con outras rapazas.
Tras escoitar as declaracións da acusada e a suposta vítima, e ante a falta de probas contundentes da denuncia, o fiscal retirou a súa acusación. Segundo sostivo na súa alegación, "hay una duda muy importante" sobre se é certo que os pagamentos se realizaron a cambio de servizos sexuais e festa ou se foi unha estafa, pois "puede haber existido algún tipo de engaño al querellante", pero, de existir, foi "burdo, fantástico e inverosímil".
Así, considera que lle resulta "inexplicable" que a presunta vítima e denunciante neste caso "picase" e que os acusados tivesen enganado un empresario con estudos universitarios "y una inteligencia al menos media".
O fiscal mantén que "hay visos de que existe algún tipo de relación sentimental" entre o acusado e a presunta vítima e que en caso de que os acusados intentasen enganar o empresario pontevedrés este tiña que ter desconfiado dunha persoa á que coñecía dende había anos e sabía que estivera en prisión por estafa (durante o período entre reixas, meteuno diñeiro na súa conta de pecunio). Ademais, non entende como alguén puido crerse que o embaixador de España na Santa Sé lle tería estado a pedir diñeiro 3 ou 4 anos para cuestións persoais"más cuando es de todos conocido que Francisco Vázquez presumía de que tenía abiertas las puertas de la embajada". "¿Qué le impidió coger un avión e ir a Roma para comprobarlo?", pregúntase o fiscal.
A acusación particular formulada pola presunta vítima si mantén a acusación contra un delito continuado de estafa que reviste especial gravidade
A acusación particular formulada pola presunta vítima si mantén a acusación contra un delito continuado de estafa que reviste especial gravidade pola cantidade estafada. Baséase nas declaracións do seu cliente, que nega que pagase servizos sexuais á acusada e asegura que para soster o seu engano os acusados mesmo o chamaron en nome de Paco Vázquez en dúas ocasións e varias veces en nome da súa suposta secretaria. Tamén lle habrian enviado mensaxes SMS en nome do político e deles mesmos pedíndolles diñeiro, algúns dos cales el gardou no seu teléfono móbil e un perito acreditou que procedían dos números de teléfono dos procesados.
A parella do empresario declarou que presenciou algunhas entregas de diñeiro e tamén que a acusada lle relataba como mediaría ante o ex embaixador de España no Vaticano. Presenciou tamén como a acusada supostamente lle pediu 10.000 euros porque secuestraran a súa filla. A moza da suposta vítima nunca sospeitou que a súa parella contratase servizos sexuais á imputada, da que cría que tiña relación de amizade co home dende facía longo tempo.
A acusada asegurou que cando coñeceu o empresario mantivo unha relación amorosa con ela, logo estivo en prisión e, ao quedar libre, xa non seguiron coa relación, pero si tiñan encontros sexuais de pagamento. Pola súa banda, o procesado indicou que coñeceu a súa compañeira de banco en prisión e que foron parella ata que descubriu que traballaba exercendo a prostitución. Durante todo o tempo en que supostamente mantivo a estafa, asegurou que descoñecía este outro "traballo" da súa noiva e que recibise diñeiro do empresario ao que consideraba "un amigo que la ayudaba mucho en sus negocios".
O xuizo quedou visto para sentenza.