O acusado de intentar matar a marteladas á súa parella recorda todo o sucedido aquel día agás a agresión
Por Natalia Puga
Jeremías Canda Rodríguez sentou este martes no banco dos acusados para render contas polo intento de asasinato da súa ex parella en abril de 2011 na Porteliña (Poio). O procesado non negou que golpease a súa presunta vítima cun martelo na cabeza, pero asegurou que non era responsable dos seus actos cando o fixo. Declarou ante o tribunal que non recorda o momento xusto no que agrediu a súa ex parella, aínda que si todo o que pasou antes e despois, e o atribúe a que estaba "moi bebido" e consumira pastillas tranquilizantes.
O procesado enfróntase a 15 anos de prisión por asestarlle dúas marteladas na cabeza á súa presunta vítima en presenza das súas fillas xemelgas menores de idade e tras o xuízo o fiscal decidiu manter a acusación ao considerar probado que se trata de "unha tentativa de asasinato acabada" e non credibilidade á falta de memoria de Jeremías Canda.
Durante a vista, o fiscal xefe da Audiencia, Juan Carlos Aladro, insistiu en que nas declaracións realizadas durante a fase de instrución do caso si recordaba parte do sucedido e mostrouse sorprendido pola "memoria tan selectiva" do procesado, pois non recorda o momento en que supostamente golpeou a súa vítima, pero si "detalles muy concretos" sobre o sucedido antes e despois.
O acusado explicou que o día dos feitos, o 18 de abril de 2011, acudiu á casa que compartira coa súa parella e as súas fillas para darse unha ducha, foi ao cuarto de baño e "a partir de ahí no me acuerdo". O seguinte que recorda é posterior ás marteladas."Cuando desperté del shock que me dio, me encontraba encima de ella", indicou e asegura que decidiu fuxir da casa porque "me quedé muy asustado al encontrarme allí". Xa fóra, "creo que tiré el martillo", pero non está seguro, "me desapareció de la mano". Tampouco recorda que golpease un veciño garda civil fora de servizo.
Jeremías Canda asegura que non tiña intención de causar dano á súa muller e "no sé por qué el ánimo me llevó allí" (a coller o martelo). Ademais, indica que non se considera responsable das marteladas "porque me encontraba en una situación de mucho alcohol y fármacos encima".
A suposta vítima non viu vir os golpes e, de súpeto, cando estaba no cuarto dunha das súas fillas, "sentí un ruído muy grande"
A súa presunta vítima declarou protexida por un biombo e rompeu a chorar en varios momentos da súa intervención. Asegurou que nunca sufrira agresións físicas do acusado e que o día dos feitos non viu vir os golpes e, de súpeto, cando estaba no cuarto dunha das súas fillas facendo a cama "sentí un ruído muy grande". A continuación sentiu un segundo golpe e cando puido abrir os ollos intentou liberarse do seu agresor e berrou para pedir auxilio ás súas fillas.
Unha das xemelgas saíu da casa para pedir axuda e a outra suxeitou o seu pai para separalo da súa nai. Finalmente, saíu do piso e "cuando la vecina de enfrente abrió la puerta, yo vi la luz", refuxiouse na súa casa e a súa ex parella saíu ao exterior. Mentres tanto, as súas fillas permaneceron resgardadas con outros veciños ao fondo do corredor. Este extremo foi confirmado por unha da pequenas, que xa ten 15 anos e declarou tamén tras un biombo.
O procesado basea a súa versión dos feitos en que estaba baixo os efectos do alcohol e os fármacos e a que estaba a tratamento por adicción ao alchol, pero os peritos que declararon na vista non confirmaron tales circunstancias. Segundo indicaron, non foi diagnosticado nunca de dependencia do alcohol, senón que foi tratado por consumo e, en todo caso, o día dos feitos "nada nos hace pensar que estuviese bajo los efectos de bebidas alcohólicas, al menos, no lo suficiente para poder ifluir en su voluntad".
En relación coas feridas causadas á súa ex parella, coa que estaba en proceso de separación, os golpes que lle deu "tenían potencialidad lesiva", pero "no afectaron a órganos vitales". Os peritos conclúen que a muller "tuvo mucha suerte en el sentido de que cuando te golpean en la cabeza con un objeto contundente, puede haber lesiones intracraneales".
Como consecuencia destes feitos, a suposta vítima sufriu feridas de gravidade e padece secuelas como a perda dun 42 por cento de audición nun dos seus oídos. Ademais, precisou tratamento psiquiátrico. O fiscal solicita unha orde de afastamento de 300 metros con respecto á vítima, prohibindo que se comunique con ela, se achegue ao seu domicilio ou ao seu lugar de traballo por un espazo de 25 anos. Ademais, pide que a indemnice con 6.744 euros polos días que tardou en curar das lesións sufridas e con 15.000 euros polas secuelas.