Un traballador falece en Ribadumia atrapado por terra e pedras mentres facía unha gabia
Por Natalia Puga
Un traballador faleceu na tarde deste luns nun accidente laboral mentres facía unha gabia nunha estrada de Ribadumia. Por motivos que se descoñecen, desprendéronse pedras e terra, caéronlle enriba, quedou atrapado e morreu practicamente no acto.
O falecido é un veciño de Caleiro, en Vilanova de Arousa, que mañá martes cumpriría 41 anos. J.J.H.P. era traballador na empresa Espiña e Delfín e estaba a traballar nunha gabia aberta en plena rúa no lugar de Pontearnelas, na parroquia de Leiro.
Segundo indicaron os Bombeiros do Salnés, as pedras e terra que había na gabia na que estaba a traballar desprendéronse por motivos que se descoñecen, o golpearon na cabeza e lle causaron feridas de consideración.
Os seus propios compañeiros de traballo deron alerta do sucedido e lograron sacarlle da gabia na que quedou atrapado antes da chegada dos servizos médicos e de emerxencia. Cando chegaron os sanitarios do 061 e os bombeiros intentaron reanimalo, pero xa non lograron facer nada por mantelo con vida.
O Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112 chegou a mobilizar un helicóptero para o traslado do accidentado a un centro hospitalario, pero o vehículo sobrevoou a zona durante uns minutos e xa non chegou a aterrar, recibiu un aviso do 061 de que o traballador falecera.
Urxencias Médicas de Galicia indicou que a alerta do accidente laboral se realizou ás 17.58 horas e se enviou ao lugar unha ambulancia asistencial, un helicóptero e persoal sanitario do PAC de Cambados. O empregado faleceu "a pesar dos esforzos do equipo sanitario".