Desconvocada a folga de recollida de lixo de Marín prevista para o luns
Por Redacción
Marín non sufrirá este verán a temida folga na recollida de lixo que convocaran os traballadores de Urbaser de xeito indefinido dende este luns.
Despois duns días de intensa negociación comité de empresa e concesionaria alcanzaron un acordo na xornada do sábado que foi referendado polo plantel en asemblea cun só voto en contra.
Segundo explica o secretario comarcal de CCOO José Luis García Pedrosa nun comunicado, "fronte ás pretensións iniciais de Urbaser de recortar os salarios dos traballadores un 13% e de suprimir parte dos dereitos do anterior convenio consideramos positivo un acordo que só ten melloras sobre o convenio anterior, sen ter que facer ningunha contrapartida á empresa".
O documento asinado e que pon fin ao conflito recolle tamén, segundo o sindicato, melloras no dereito de subrogación dos traballadores en caso de cambio de empresa concesionaria no servizo e un incremento salarial do 0,65% en 2013 e de 0,50% en 2014, máis unha paga extraordinaria de 100 euros.