Lores asegura que co PXOM "Louro o que quixo foi dar a nota" e desvela que o PSOE negouse a asumilo
Por Redacción
As relacións entre BNG e PSOE, digan o que digan, non pasa polo seu mellor momento. O apoio dos socialistas á proposta do PP para reactivar a tramitación do PXOM segue escocendo no seo do goberno. Basta ver o dito este mércores por César Mosquera e Antón Louro. Pero a esta discrepancia súmase agora as últimas e explosivas declaracións realizadas polo alcalde de Pontevedra.
Nunha entrevista en Onda Cero Pontevedra, Miguel Fernández Lores, afirmou que co PXOM "o meu socio o que quixo foi dar a nota". E desvelou unha cuestión descoñecida para moitos. Durante a negociación do pacto de goberno, hai dous anos, asegura que "a Antón Louro se lle propuxo antes de asinalo que xestionase o PXOM e non quixo", polo que non entende a actitude socialista nesta materia.
Lores reiterou que o BNG quere un novo PXOM "para seguir avanzando non noso modelo de cidade", pero non baixo os criterios que marca a Xunta de Galicia, ao negarse, entre outras cousas, a cualificar ENCE como zona industrial ou Monte Carrasco para o novo hospital. "Se PP e PSOE queren un novo PXOM, e non o que xa mandamos e consensuamos, que digan cal queren e logo veremos se estamos de acordo".
Ademais, con respecto ao outro punto de fricción co PSOE, a Brilat, Miguel Fernández Lores, afirmou que é unha empresa "importante" para Pontevedra, pero insistiu en que "a base militar non vai abandonar Pontevedra polo canon que lle piden os comuneiros porque non lle compensa, se abandona Pontevedra será por outros motivos". E aclarou que "nin eu nin o goberno local vai interferir nesta fase incipiente de negociacións entre defensa e comuneiros de Salcedo" como entende fai o PP prexudicando "negativamente" a todos.
Durante esta entrevista radiofónica, Lores fixo un percorrido por outros temas de actualidade como o proxecto de ENCE para mellorar o aspecto estético da súa fábrica. "Aínda que a mona se vista de seda, mona se queda. ÿ imposible tratar de enmascarar ese monstro nunha das rías máis bonitas do mundo".
Ou sobre o xuízo a Pontevedra por abonar a paga extra de Nadal aos funcionarios. "Non me preocupa ser o único concello galego denunciado polo Estado, estou orgullosos e en xaneiro irei ao xuizo a peito descuberto a defender a decisión adoptada", concluíu.