Loureiro Crespo precisa o arranxo de danos e un lavado de cara
Por Oskar Viéitez
Veciños e comerciantes de Loureiro Crespo cualificaron o encontro deste martes co edil de Mobilidade, Luis Bará, como "positivo". Entre os temas das reunións estiveron as obras da rúa San Amaro, "consecuencia dunha mala urbanización da rúa por parte da empresa promotora", segundo dixo o edil.
O Concello de Pontevedra esixiu á empresa a reparación da urbanización, dado que estaba en garantía. Deulle un prazo de tres meses de reparación de todos estes danos. Tanscorrido o prazo e logo de non obter resposta por parte da promotora, o Concello acordou a execución subsidiaria da obra á costa da empresa.
"ÿ unha promoción privada, transcorriron xa sete anos dende que se fixo, entón o Concello fai unha adxudicación subsididaria, adianta os cartos e despois hai uns mecanismos para intentar recuperar ese diñeiro", explicou Luis Bará. A reparación está adxudicada á empresa Abilleira CPA cun orzamento de 29.961,67 euros.
Cabe lembrar que se están a reparar afundimentos na beirarrúa e elementos de iluminación pública da urbanización realizada pola empresa promotora da unidade de actuación número 12.
A maiores o concelleiro comprometeuse a analizar a posibilidade de implementar estas obras con mobiliario urbano e outras pequenas obras "nos próximos días farase unha visita cos técnicos".
Logo da xuntanza cos veciños houbo un segundo encontro, nesta ocasión, coa Asociación de Comerciantes Loureiro Crespo e Adxacentes, interesados en coñecer os plans municipais para toda esta contorna. Os empresarios mostráronse moi comprensivos sabedores de que "os problemas económicos son iguais para todos" pero insistiron na urxencia "polo menos dun lavado de cara" nas zonas máis deterioradas da rúa.
"Como se vai a actuar nese ámbito o que falamos cos comerciantes foi facer unha actuación máis pequena: eliminación de barreiras, mellora do pavimento, poñer algún lombo, pintar e poñer algunha zona de carga e descarga", especificou Bará.
Nesa primeira intervención, que inclúe a renovación de todos os servizos, actuarase entre a rotonda situada na confluencia das avenidas de Lugo e Juan Carlos I e a rotonda de Juan Carlos I que conduce ata San Amaro e Ponte Caldelas. Trátase dun tramo de 300 metros no que se prevé investir 1,3 millóns de euros.
Segundo Luis Bará a reurbanización de Loureiro Crespo afrontarase en tres fases, fundamentalmente por unha cuestión de financiamento xa que o proxecto global para toda a rúa ten un custo aproximado de 4,5 millóns de euros. E na zona do Hospital Provincial mantense o proxecto de peonalizar ese tramo.
Iso si, os comerciantes insistiron en que de maneira inmediata o Concello retire os pivotes do carril bici diante do Hospital xa que "aquilo foi un invento que nunca funcionou e agora mesmo está a crear máis problemas dos que nunca resolveu".