Inglés para bebés e ensino telemático, novidades para o próximo curso
Por Oskar Viéitez
Os nenos pontevedreses van poder mergullarse na lingua de Shakespeare desde os catro meses de vida, alternando o español que se aprenderá na casa co inglés que se escoitará na gardería.
Ese é o obxectivo da escola infantil bilingüe Luna Lunera que anuncia a súa próxima apertura en Pontevedra na rúa Alfonso XIII, o carón das instalacións do Colexio Doroteas que xa forma parte da rede de centros plurilingües da Comunidade Autónoma.
Outra das novidades para o vindeiro curso ven da man do Instituto Luis Seoane que impartirá o Ciclo Medio de Xestión Administrativa na modalidade de Educación a Distancia que permite ao alumno realizar a formación dende a súa casa, sendo mais fácil compatibilizar os estudos e a actividade laboral ou familiar.
Nesta modalidade o alumno traballa utilizando unha plataforma telemática, sendo necesario, dispór dun ordenador con acceso a internet, na que o profesor de cada módulo formativo vai descargando os materiais didácticos a utilizar polo alumno (temas, exercicios, lecturas) e a través da que o alumno entregará as tarefas encomendadas.
Isto complétase cunha titoría presencial, un día á semana, que é voluntaria, e con exames trimestrais que son obrigatorios e presenciais.
A solicitude para cursar este módulo está aberta actualmente e o Instituto oferta 50 prazas, non sendo necesario matricularse por curso completo, senón que pode facerse por módulos formativos soltos, segundo as posibilidades e tempo de cada un.