Desaloxan unha pulpería e tres persoas requiren atención médica por un conato de incendio na cociña
Por Diego Torrado & Natalia Puga
Tres persoas requeriron atención médica na tarde deste domingo a consecuencia dun conato de incendio rexistrado na cociña dunha pulpería do casco histórico de Pontevedra.
O lume encheu de fume o local, de modo que foi necesario desaloxar clientes e empregados. Malia a axilidade coa que se realizaron todas as tarefas, tres persoas inhalaron demasiado fume e tiveron que ser asistida polo persoal dunha ambulancia do 061 que se desprazara ao lugar.
Segundo indicaron os bombeiros, o incidente rexistrouse sobre as 17.15 horas na pulpería Ruzo, situada na rúa Alhóndiga, nas inmediacións do Teatro Principal. Ata o momento descoñécense as causas do lume, pero todo apunta a que tivo a súa orixe nas frixideiras que estaban conectadas na cociña do local.
Segundo as primeiras indagacións, o mal traballo das frixideiras tería pasado á campá extractora, provocando un conato de incendio. Os bombeiros puideron extinguir as chamas sen maiores complicacións, pero as consecuencias estiveron derivadas da nube de fume que se estendeu por todo o local.
Os traballadores da pulpería desaloxaron o local inmediatamente, de modo que cando chegaron os bombeiros xa non había ninguén no interior. Os traballadores do servizo municipal de extinción de incendios tiveron que ventilar o local e sanear todo o ámbito para poder restablecer a subministración eléctrica cortada a raíz do incidente.
A intervención requiriu a participación de dúas unidades do Corpo de Bombeiros de Pontevedra e unha ambulancia do 061 e a situación deuse por controlada antes das 18.00 horas.