O verán está no calendario... e na rúa
Por Diego Torrado
O verán quedou inaugurado de forma oficial ás 7.04 horas do venres 21 de xuño, pero houbo que esperar máis dun día para que se deixasen ver por Pontevedra as primeiras estampas estivais. Foi a primeira hora do sábado 22 cando o verán 'real' empezou a animar os pontevedreses a botarse ás terrazas ou a praia.
Este domingo 23 de xuño foi o primeiro día que xa comezou con temperaturas e ceos máis propios do verán que do outono ou primavera e os pontevedreses aproveitaron para pasear e practicar os primeiros deportes náuticos da tempada.
Este verán que durará oficialmente ata o 20 de setembro deixará unha semana propia desta época do ano. Segundo as previsións de MeteoGalicia, as altas presións irán entrando en forma de cuña sobre Galicia este domingo, polo que a atmosfera se irá estabilizando progresivamente.
As pequenas nubes seguirán durante varios momentos do día, pero os ceos estarán, durante toda a semana, practicamente despexados e prevese que en Pontevedra haxa temporaturas que sigan sendo baixas para esta época do ano, pero que as máximas cheguen este domingo aos 23 graos, aos 27 o luns día de San Xoán e a 31 o martes 25 de xuño.